O Deportivo asexa o primeiro posto no mellor momento da temporada
Celta B e Racing tamén pasan por un bo momento á procura de xogar a fase de ascenso
A vixésimo quinta xornada da liga deixou o Pontevedra afundido na táboa. De nada serviu que os locais se puxesen por diante no marcador. Un hat trick de Rodri deulle a volta ao resultado e á clasificación. O Ceuta abandona a última praza, que agora ocupan os granates. A salvación está a sete puntos.
No extremo oposto está o Deportivo. A goleada ao Badaxoz e o tropezo do filial do Real Madrid deixárono temporalmente líder á espera do resultado do Alcorcón. Os coruñeses pelexan forte pola primeira praza, arestora a un punto. O equipo leva catro xornadas sen recibir gol.
A seis puntos do Deportivo, na última praza da promoción para o ascenso, atopamos o Racing de Ferrol. Os de Cristóbal Parralo sumaron un punto ante o Linares grazas ao gol de Héber Pena a nove minutos do final. Con esta xa son sete xornadas sen perder.
Pero sen dúbida o equipo máis en forma da categoría é o Celta B. Só o tropezo ante o Raio Majadahonda mancha a impecable dinámica das dez últimas xornadas. Os vigueses pasáronlle por riba ao Mérida nun exercicio de velocidade e precisión.