O Deportivo derrota o Mérida no tempo engadido (1-0) e prolonga a serie en Riazor
O Deportivo derrota o Mérida no tempo engadido (1-0) e prolonga a serie en Riazor
Un penalti forzado por Yeremay e transformado por Quiles vale a cuarta vitoria seguida en Riazor
Os prolegómenos do Deportivo-Mérida serviron como recoñecemento a Álex Bergantiños, que adquire categoría de histórico cos seus 327 partidos coa camisola branco e azul. Xa está no Top 10 da entidade.
Álex comprobou desde o banco cal é un dos aspectos no que o seu equipo mellorou coa chegada de Lucas Pérez, o balón parado. A súa calidade no golpeo combinouse co poderío rematador de Pablo Martínez. Ata tres veces se xuntaron os dous protagonistas no primeiro tempo. O pau, os centímetros e o gardameta Palomares evitaron os tantos coruñeses. Durante o primeiro tempo foi o único xeito no que o Deportivo conseguiu xerarlle perigo a un Mérida que, co paso dos minutos, foi perdendo a timidez inicial. De feito, pouco antes do descanso tivo unha boa oportunidade. Mackay rexeitou o disparo de Álvaro Ramón.
O reinicio foi tedioso. O Deportivo tardou moitos minutos en atopar o seu xogo e incluso o Mérida comezaba a chegar con efectivos pero sen facer dano real. Coa entrada no once de Soriano e Svenson e co final do partido ameazando incrementouse a ofensiva dos de Cano. Soriano conectou con Lucas e o seu disparo, marca da casa, atopou a excelente intervención de Palomares. Pouco despois, foi o propio Soriano o que buscou o gol desde lonxe. O poste foi o destino do seu lanzamento.
O final foi espectacular, pois o encontro puido ir para os dous lados. Xa no engadido, opción moi clara pra o Mérida. Sandoval golpeou alto. E inmediatamente, Yeremay atrévese no un contra un e é derrubado dentro da área. O máximo castigo, protestado polos estremeños, foi transformado en gol por Quiles. Un gol agónico, dos que mellor saben, para seguir a serie en Riazor, festexado case como unha final gañada.
Óscar Cano recoñeceu tras o partido que non estiveron cómodos, e agradeceu a axuda da afección para acadar o triunfo.