Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Deportivo gaña en Talavera e axexa o liderado (0-1)

O Deportivo gaña en Talavera e axexa o liderado (0-1)

O primeiro gol de Lebedenko en España asegurou o triunfo

Foto: @RCDeportivo
G24.gal 19/02/2023 14:11

O Deportivo reencontrouse coa vitoria como visitante. Foi pola mínima, ante un rival que levaba catro meses sen apañar goles como local. O equipo coruñés mostrou boas sensacións durante o primeiro tempo. Decidido a buscar o triunfo, buscou a portería de Biel Ribas con certa asiduidade.

A mellor ocasión dos primeiros minutos foi para Villares, quen recuperou a titularidade, logo dunha boa xogada de Lucas Pérez. O de Monelos apareceu tamén na acción que supuxo o único gol do partido no minuto 29. Boa apertura para Quiles, quen decidiu ben á hora de asistir a Lebedenko. O lateral ucraíno tivo tempo para parar o balón e decidir a traxectoria do seu disparo. Imparable para o gardameta do Talavera. Primeiro gol de Lebedenko desde a súa chegada ao fútbol español, un gol cun valor de tres puntos.

O resto do partido foi un exercicio de impotencia dos locais ante un Deportivo que non volveu crear perigo. Certo é que non pasou apuros, pero a imaxe da segunda metade non foi boa. Suficiente, iso si, para lograr a vitoria. Os ataques do Talavera carecían de claridade e a cousa acabou ben para os intereses do equipo coruñés.

Ao final do encontro, cun Lucas Pérez que traballou arreo asinando autógrafos, os xogadores deportivistas agradeceron o habitual apoio dos seareiros presentes en cada desprazamento. Desta volta, a viaxe de regreso será máis feliz.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos