O Deportivo merece máis na Rosaleda, pero acaba cedendo un empate (1-1)
O Deportivo merece máis na Rosaleda, pero acaba cedendo un empate (1-1)
Mella e Yeremay gozaron das mellores ocasións, e o canario adiantou os coruñeses
Chupe empatou o partido no minuto 86
O Deportivo segue a ofrecer unha boa imaxe cando xoga lonxe de Riazor. Na Rosaleda dominou e gozou das mellores ocasións, adiantándose no marcador. Pero unha xogada illada privouno da vitoria.
A primeira metade tivo moi bo ritmo. O Deportivo soubo moverse mellor ca o rival, e gozou das mellores ocasións. Yeremay e Mella gozaron das máis claras, pero non foron quen de batir a Alfonso Herrero.
Na segunda metade, o Deportivo volveu entrar mellor, pisando área con incorporacións de Yeremay e Mella que crearon perigo. So houbo un par de sustos, nunha mala saída de balón de Helton que Lobete rematou por riba do traveseiro, e nun remate de Kevin Mdina que Ximo desviou a córner. O Málaga ía gañando presenza ofensiva, e Dani Sánchez tivo a máis clara á hora de partido. O seu remate marchou alto.
E, cando mellor parecía o equipo o local, o Deportivo volveu dar un paso á fronte. Foi Yeremay o artífice, primeiro cunha lambreta na liña de fondo e, despois, abrindo o marcador. Era o minuto 66 cando o canario recibiu un pase de Soriano, e resolveu no man a man cun bo remate raso para establecer o 0-1. O propio Yeremay puido anotar o segundo noutra contra, pero rematou frouxo.
O Málaga estirouse entón á busca do empate, pero non foi quen de rematar entre os tres paus. Ata o minuto 86. Foi aí cando apareceu Chupe para rematar á rede e establecer un empate que deixa aos coruñeses con 25 puntos logo de 20 xornadas.