Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Dicionario da Real Academia Galega actualiza a definición de “autismo”

O Dicionario da Real Academia Galega actualiza a definición de “autismo”

Os criterios diagnósticos deste trastorno do desenvolvemento neurolóxico deixan atrás a súa consideración como unha enfermidade

G24.gal 01/04/2024 10:29

A Real Academia Galega modificou no seu dicionario en liña, na véspera do Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo -que se celebra este martes, 2 de abril-, a definición deste trastorno do desenvolvemento neurolóxico. A nova redacción acordada polo Seminario de Lexicografía adáptase aos cambios producidos na súa descrición científica e mais na súa percepción social.

A Federación de Autismo Galicia solicitara a actualización da definición da entrada autismo e facilitou a documentación sobre a revisión científica dos criterios diagnósticos deste trastorno do desenvolvemento neurolóxico, que deixan atrás a súa consideración como unha enfermidade.

"O autismo non cumpre con este criterio, xa que non implica un mal funcionamento dos sistemas corporais, senón diferenzas no procesamento neurolóxico. O cambio na súa conceptualización reflicte unha comprensión máis moderna e respectuosa da diversidade neurobiolóxica, e destaca a importancia de aceptar e apoiar ás persoas no espectro autista, en función das súas necesidades e fortalezas individuais", argumentou a Federación, que representa máis de 10.000 persoas en Galicia, tanto persoas con autismo como as súas familias.

A nova redacción define o autismo como un "trastorno do desenvolvemento neurolóxico caracterizado pola dificultade na interacción social e na comunicación, e por patróns de pensamento e comportamento restrinxidos, repetitivos e estereotipados".

De acordo con este cambio tamén se actualizou a voz autista.  

No apartado de observacións, o Dicionario engade que, normalmente, utilízase a expresión "trastorno do espectro autista ou trastorno do espectro do autismo (TEA)", para designar un conxunto amplo de condicións que teñen unha prevalencia de 1 caso por cada 100 nacementos.  

A académica de número e coordinadora en funcións do Seminario, Dolores Sánchez Palomino, explicou que a institución quere "promover os principios de xustiza, igualdade e respecto á diversidade" e iso supón un "proceso constante de revisión e modernización" do Dicionario.

O Seminario de Lexicografía agradeceu a colaboración da Federación Autismo Galicia para mellorar o Dicionario, que é unha "obra colaborativa" na que deben participar todos os sectores. “Estamos convencidos de que só o diálogo constante entre a sociedade e a Academia permitirá contar cunha obra que cubra as nosas necesidades”, conclúe.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade