O Ecofin provoca en Santiago a maior despregadura policial dos últimos anos
O Ecofin provoca en Santiago a maior despregadura policial dos últimos anos
1.250 axentes dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado están preparados para actuar de xeito rápido e coordinado ante calquera incidencia
Calviño: "En Santiago abordaremos investimentos na América Latina e o reforzo da economía europea"
A presidencia de quenda española do Consello Europeo trae a primeira reunión de ministros de Economía e Finanzas da Unión Europea, a América Latina e O Caribe, para abordar cuestións de seguridade económica e coordinación monetaria e financeira, e implica o maior desafío en seguridade que viviu a capital galega nos últimos anos.
O Ecofin celébrase mañá e pasado na Cidade da Cultura. O evento, de máximo nivel internacional, reúne aquí as autoridades económicas de sesenta países que representan o 14 % da poboación e o 21 % do PIB mundial. Veñen mil seiscentas persoas, entre elas corenta e sete ministros e representantes das máis altas institucións financeiras, incluído o Fondo Monetario Internacional e o Banco Mundial. Os requirimentos en seguridade son altísimos.
"Un complexo dispositivo, con unidades tan dispares como medios aéreos, GEO e TEDAX".
E ademais unidades de policía do subsolo, guías caninos, cabalería, escoltas... Para coordinar todo este dispositivo creouse o CECOR, Centro de Coordinación Operativa de Seguridade Cidadá, que recibe en tempo real a información e imaxes máis relevantes desde drons e helicópteros. Garantir a seguridade dos participantes, na estancia e tamén nos desprazamentos, é un desafío en que colabora Garda Civil, Policía Local e Emerxencias.
"Recibir toda esta información permite unha visión global e mover e distribuír calquera tipo de recurso. Este CECOR vai funcionar as 24 horas e aquí están presentes as unidades máis representadas. Posiblemente nos últimos anos este sexa o maior dispositivo policial realizado na capital galega", explica César Ramos, inspector e voceiro da Policía Nacional.
Asegurar unha intervención rápida e coordinada ante calquera incidencia é o cometido dos máis de 1.250 axentes despregados para o Ecofin.