Publicador de contidos
Publicador de contidos

O embaixador de Palestina acusa a Israel de facer de Gaza un lugar non apto para a vida humana

O embaixador de Palestina acusa a Israel de facer de Gaza un lugar non apto para a vida humana

Tamén os acusa de estar perpetrando un xenocidio contra o pobo palestino

O embaixador de Palestina en España, este xoves na Coruña
G24.gal 10/10/2024 21:08

O embaixador de Palestina en España acusou este xoves a Israel de facer da Franxa de Gaza un lugar non apto para a vida humana.

Husni Abdel Wahed pronunciou este xoves unha conferencia na Universidade da Coruña.

Criticou con dureza a asistencia militar dos Estados Unidos a Israel, a quen acusou de estar perpetrando un xenocidio contra o pobo palestino.

Husni Abdel Wahed advertiu de que Israel pretende seguir nunha escalada do conflito en Oriente Medio para involucrar máis países e que lle encantaría que os Estados Unidos participasen, aínda que tamén considerou que este país xa está a ser "partícipe" do "crime" contra o pobo palestino.

"Na Xustiza ordinaria, cando unha persoa comete un crime e hai alguén que lle fornece armas, que a aconsella, que lle dá apoio, entón esta persoa tamén é partícipe do crime", dixo, polo que considera que os Estados Unidos abandonaron o seu rol de garante de estabilidade e seguridade ao protexer a quen agride e comete un xenocidio, dixo nunha comparecencia previa ante os medios de comunicación.

Husni Abdel Wahed lembrou que se cumpren 369 días deste episodio de "xenocidio" contra o pobo palestino por parte de Israel e, agora, a ofensiva israelí, "lamentablemente", estendeuse ao Líbano e "non hai ningunha garantía de que isto non se estenda para involucrar" outros países.

De feito, considerou que é unha estratexia "moi coñecida" de Israel a de ir a por outro obxectivo para "facer esquecer o que xa se fixo", así que agora xa "non é noticia o que ocorre en Gaza", aínda que "os bombardeos e os masacres continúan", e cando se produza "a chamada resposta israelí" a Irán deixará de ser noticia o do Líbano, augurou.

"É inconcibible como unha gran potencia que di que non quere que isto se estenda envía as súas tropas, os seus portaavións, as súas armas, utiliza o seu poder en Nacións Unidas, financia esta guerra e logo di que pretende poñerlle fin", apostilou.

O embaixador palestino destacou que xa se superou a cifra das 42.000 vítimas mortais na Franxa de Gaza, pero cre que o número, entre desaparecidos e feridos, supera as 160.000, o cal representa "máis do 6 % da poboación de Gaza".

Por iso, instou a buscar "solucións políticas" canto antes porque "prolongar esta guerra supón a perda de máis vidas humanas, máis sufrimento e máis acción contra o futuro da humanidade".

Esta solución política pasa pola "implementación do Estado de Palestina" que se prevé na proposta de dous Estados que os propios Estados Unidos defenden, argumentou, pero que están "sabotando" porque "o obxectivo é perpetuar a ocupación israelí de Palestina" e doutros países.

Neste sentido, citou o alto representante da UE para Política Exterior Josep Borrell para defender que xa non se pode deixar o monopolio da intermediación aos Estados Unidos, senón que a comunidade internacional ten que actuar para aplicar a solución dos dous Estados, algo que "non é esmola, é a súa obrigación e responsabilidade", concluíu.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade