O embaixador palestino en España: "O que se vive en Gaza é un xenocidio"
O embaixador palestino en España: "O que se vive en Gaza é un xenocidio"
O diplomático di que o mundo asiste impávido pola televisión á traxedia da Franxa
Considera que Europa debe reaccionar aínda que só sexa para evitar outra vaga migratoria
O xefe da misión diplomática de Palestina en España pregúntase como é posible que o mundo trate con tanta naturalidade o ultimato dado por Israel á poboación de Gaza.
"O que se vive é un xenocidio e o mundo está a velo por televisión impávido e lamentablemente sen reaccionar", declara Husni Abdel Wahed alertando sobre a actitude en Occidente.
O representante da Autoridade Palestina lembra que Israel está vulnerando o dereito internacional humanitario mesmo cos desprazados e tamén cos hospitais.
"Aquela poboación que intentou fuxir cara ao sur en dúas caravanas foi bombardeada. Israel deu tamén ultimato aos hospitais na faixa de Gaza e aos equipos sanitarios para que abandonen os hospitais", denuncia Abdel Wahed.
O embaixador di que Europa, berce dos dereitos humanos, non pode permitir isto e debe facer moito máis pola estabilidade nesa área, aínda que só sexa por puro interese.
"Isto pode traducirse nunha nova vaga de inmigrantes cara a Europa. Polo tanto, eu quixera que as posturas europeas sexan por principios, pero como non están sendo por principios que sexan por interese".
Remata sinalando que Europa ten mala conciencia polas persecucións históricas contra os xudeus, pero que iso non pode xustificar o xenocidio doutro pobo.