España crea 603.900 empregos e supera por primeira vez os 21 millóns de ocupados
España crea 603.900 empregos e supera por primeira vez os 21 millóns de ocupados
O número de desempregados baixou en 365.300, ata deixar o total en 2.762.500 persoas
Os fogares con todos os seus membros en paro baixan ata 916.000, a menor cifra en 15 anos
O emprego en Galicia suma 26.500 persoas e alcanza 1,13 millóns no segundo trimestre
O paro diminuíu en todas as comunidades autónomas
O número de ocupados sumou no segundo trimestre do ano 603.900 persoas, polo empuxe do sector servizos, ata alcanzar o máximo histórico de 21.056.700 de traballadores, mentres que o número de desempregados baixou en 365.300, ata deixar o total en 2.762.500 persoas.
Segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA), publicada este xoves polo Instituto Nacional de Estatística (INE), a taxa de paro sitúase así no 11,6 %, 1,67 puntos menos que no trimestre anterior, recuperando niveis de 2008.
En canto á ocupación, nun trimestre habitualmente bo para o emprego, aumentou en 610.000 no sector privado, mentres que diminuíu en 6.200 no sector público.
Os fogares con todos os seus membros en paro baixan ata a menor cifra en 15 anos
Os fogares con todos os seus membros activos en paro baixaron no segundo trimestre en 139.300, ata un total de 916.000 fogares, o que supón a menor cifra desde o cuarto trimestre de 2008.
O número de fogares onde todos os seus membros están ocupados aumentou en 345.700, ata os 11.557.700, o que supón o máximo histórico da serie da Enquisa de Poboación Activa (EPA) publicada este xoves polo Instituto Nacional de Estatística (INE).
Se se comparan os datos cos do mesmo trimestre de 2022, o número de fogares con todos os seus membros activos en paro diminuíu en 74.300, mentres que aqueles con todos os seus activos ocupados aumentou en 310.600 fogares.
No segundo trimestre de 2023 había en España 19.355.400 fogares, 74.500 máis que no primeiro trimestre deste ano, dos que 5.442.800 eran unipersoais.
O emprego en Galicia alcanza 1,13 millóns no segundo trimestre
O número de ocupados en Galicia sumou no segundo trimestre do ano 26.500 persoas, ata alcanzar 1,13 millóns de traballadores.
Galicia tamén rexistrou unha baixada do paro, pois o número de desempregados descendeu en 15.300 persoas ata deixar un total de 119.700 parados.
A taxa de paro sitúase así no 9,58 %, mentres que a nacional é do 11,6 %, 1,67 puntos menos ca no trimestre anterior.
Segundo o INE, en termos anuais, unha das maiores reducións de paro deuse en Galicia, con 19.700 desempregados menos, só superada por Canarias (25.200 menos) e Cataluña (23.700 menos).
Se se analizan os datos por sexo, o número de homes en paro baixou en Galicia dos 64.100 a 57.200 mentres que o de mulleres pasou de 71.000 a 62.500.
Ademais, en Galicia hai un maior número de homes ocupados, 584.700, que de mulleres, un total de 545.500 no segundo trimestre do ano.
As cifras enmárcanse nun trimestre no que tamén aumentou o número de activos, con 11.200 máis, o que permite alcanzar os 1,25 millóns de persoas.
O número de ocupados incrementou un 2,41 % se se compara co trimestre anterior e un 2,26 % con respecto ao mesmo trimestre do ano pasado, mentres que a cifra de desempregados baixa un 15,3 % e un 14,15 % se se teñen en conta os datos de 2022.
O paro diminuíu en todas as comunidades autónomas
O desemprego diminuíu o segundo trimestre do ano en todas as comunidades autónomas, de forma notable en Baleares, un -58,16%, e en menor medida en Andalucía (-0,17%) e Aragón (-3,68%).
As autonomías nas que máis diminuíu o paro foron, tras Baleares, Navarra (-27,39%), A Rioxa (-26,34%), Asturias (-18,75%) e Cataluña (-17,28%).
Este trimestre o emprego creceu tamén en todas as comunidades e as maiores subidas déronse en Cataluña (132.700 máis), Baleares (108.100) e Comunidade de Madrid (77.300).
En comparación co segundo trimestre de 2022, tamén incrementaron a súa ocupación todas as comunidades, as que máis, Cataluña (133.000 máis), Andalucía (101.600) e a Comunidade Valenciana (72.700).
En número de parados, as maiores baixadas trimestrais déronse en Cataluña (-70.400), Baleares (-68.600) e a Comunidade de Madrid (-49.900).
En termos anuais, tamén se experimentou unha baixada do paro xeneralizada, producíndose as maiores reducións en Canarias (-25.200), Cataluña (-23.700) e Galicia (-19.700).
En canto aos ocupados, o seu número ampliouse no segundo trimestre en todas as autonomías, sobre todo en Baleares (20,31%), Asturias (4,57%) e Navarra (3,98%) -todas elas por encima da media (2,95%)-, e en menor medida en Aragón (0,58%), a Comunidade Valenciana (1,55%), Andalucía (1,58%) e Castela e León (1,75%).
Os servizos impulsan un récord de emprego
A ocupación, que rexistra o seu maior avance nun trimestre habitualmente bo para o emprego, aumentou en 610.000 no sector privado, mentres que diminuíu en 6.200 no sector público.
No último ano, o emprego creceu en 588.700 persoas, un 2,88%.
O Ministerio de Asuntos Económicos destacou que os datos da EPA son o "reflexo da fortaleza e o dinamismo da economía española que favorece a familias e empresas"
Máximo de mulleres ocupadas
De volta ao trimestre, e por actividades, o sector servizos é o que tira do emprego, coa suma de 606.000 ocupados, por encima da alza na construción (60.900) e a agricultura (1.500), mentres que na industria baixou a ocupación en 64.500 persoas.
Por sexo, o emprego aumentou no segundo trimestre en 332.200 homes e 271.800 mulleres, ata alcanzar o máximo histórico de mulleres ocupadas (1.485.000).
Por tipo de contrato, as persoas que teñen contrato indefinido increméntanse en 410.100, ata un máximo de 14,7 millóns, mentres que os traballadores con contrato temporal creceron en 95.400.
Do total de asalariados, o 3,9% ten un contrato fixo descontinuo (695.300 persoas).
Mentres, o desemprego caeu en todos os sectores, aínda que os servizos (208.600) e a construción (23.000) presentaron os maiores descensos.
Por sexo, o número de homes en paro baixou en 152.000, ata os 1.277.400, mentres que entre as mulleres diminuíu en 213.300, ata as 1.485.000, situándose por baixo dos 1,5 millóns por primeira vez desde o segundo trimestre de 2008.
O paro baixou en todas as comunidades, especialmente en Cataluña (70.400), Baleares (68.800) e Madrid (49.900).
Nos últimos 12 meses o paro diminuíu en 157.000 persoas.
O número de mulleres activas sobe en 58.400, mentres que o de homes faio en 180.200.
A taxa de paro xuvenil descende ao 27,94 %, a menor desde 2008
A taxa de paro entre os menores de 25 anos descendeu 2,09 puntos no segundo trimestre do ano, ata o 27,94%, o que supón a taxa máis baixa en quince anos (desde o terceiro trimestre de 2008).
O número total de mozos desempregados baixou a 467.600 persoas, 7.000 menos respecto ao trimestre anterior, un descenso que se produciu na franxa de idade de 20 a 24 anos e entre mulleres.
En concreto, no segundo trimestre había 12.300 mulleres menos desempregadas de 20 a 24 anos, mentres que na mesma franxa de idade había 4.700 homes máis en paro.
Desta forma o paro total entre os mozos de 20 a 24 anos baixou a 345.500 persoas, 7.700 menos que no trimestre anterior, mentres que entre os mozos de 16 a 19 anos o paro aumentou en 700 persoas, ata un total de 122.100.
Aumentan os "ninis" e tamén os "sisis"
Ao peche do segundo trimestre había en España había 809.400 "ninis", mozos de 16 a 29 anos que nin traballan nin estudan, o que supón 4.200 máis que un ano antes, aínda que son a metade respecto a os 1,6 millóns que se alcanzaron no segundo trimestre de 2013.
O número de "sisis", mozos de 16 a 29 anos que estudan e traballan, situouse en 1.042.400 persoas, 83.200 máis que un ano antes.
Cataluña e Baleares rexistran a menor taxa de paro xuvenil
Por comunidades autónomas, as menores taxas de paro xuvenil rexistráronse en Cataluña (19,15%) e Baleares (19,40%), mentres que as maiores estiveron en Andalucía (38,91%) e Estremadura (36,30%), por detrás da cidade autónoma de Ceuta (51,23%).
O Goberno asegura que España "está en condicións" de alcanzar o pleno emprego
O secretario de Estado de Economía e Apoio á Empresa, Gonzalo García Andrés, asegurou tras coñecer os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) do segundo trimestre que España "está en condicións" de que o seguinte paso sexa alcanzar o pleno emprego cun paro do 8 %.
"Nunca a economía española alcanza un nivel de ocupación tan elevado", celebrou este xoves García Andrés na rolda de prensa para presentar os datos da EPA, e destacou que eses datos "mostran unha aceleración máis aló do compoñente estacional" que ten habitualmente a alza do emprego no segundo trimestre.
O presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, valorou na súa conta os "datos extraordinarios" do emprego en España, os cales "demostran a fortaleza da nosa economía".
En España ya hay 21 millones de personas trabajando.
— Pedro Sánchez (@sanchezcastejon) July 27, 2023
Alcanzamos un nuevo máximo histórico. Baja la temporalidad y el paro se reduce hasta el nivel más bajo desde 2008, especialmente en jóvenes y mujeres.
Datos extraordinarios que demuestran la fortaleza de nuestra economía.…
Pola súa banda, a ministra de Asuntos Económicos, Nadia Calviño, destacou en declaracións remitidas aos medios que o crecemento dos ocupados e o descenso do desemprego beneficia "especialmente a mulleres e novas".