O Entroido en Galicia vese obrigado a suspender ou pospor varios actos polas condicións meteorolóxicas
O Entroido en Galicia vese obrigado a suspender ou pospor varios actos polas condicións meteorolóxicas
O Entroido en Galicia vese obrigado a suspender ou pospor varios actos polas condicións meteorolóxicas
Ourense, Vigo e a provincia de Pontevedra son as principais zonas afectadas
Karlotta perdeu forza en Galicia pero mantén a inestabilidade
Os efectos da borrasca Karlotta obrigaron a suspender actos do Entroido en diferentes partes da xeografía galega. Este venres Ourense, segundo o programa dispoñible na páxina web do Concello, tivo que cancelar o desfile de entroidos tradicionais que tería lugar ás 20:00 horas na Praza Maior.
Pero esta non foi a única actividade afectada, xa que na cidade das Burgas tamén se suspenderon os desfiles escolares programados para a mañá desta xornada, así como tamén os pasarrúas escolares de Eiroás, de Seixalvo e de Frei Canedo.
Suspensión parcial en Vigo
O Concello de Vigo anunciou que suspenderá parcialmente as actividades de Entroido para este venres. Deste xeito, mantén a entronización do Meco para as 20:30 horas na Porta do Sol e o concerto da Orquestra Saudade aprazarase para o vindeiro venres.
O sábado manterase o desfile de comparsas ás 18:00 horas, aínda que se podería atrasar a súa hora de inicio ou aprazarse polo mal tempo. O concerto do grupo Broken Peach, ás 22:00 horas na Porta do Sol, dependerá tamén da evolución meteorolóxica.
Para a xornada do domingo, as actuacións infantís previstas trasladaranse para o luns e celebraranse no Auditorio Municipal. Alí tamén se celebrarán as actividades do luns e os concurso de disfraces o martes.
Outras cancelacións
Na provincia de Pontevedra as chuvias que se esperan para esta fin de semana tamén obrigaron a aprazar varios festexos do Entroido.
No Porriño trasladaron ao Centro Cultural Municipal os obradoiros infantís e cancelaron os desfiles de comparsas e a programación do Entroido.
En Poio aprazaron para o sábado 24 ás 12:00 horas o desfile previsto para a mañá deste domingo, e en Sanxenxo o desfile infantil aprázase para o 25 de febreiro ás 12:00 horas.
A chuvia que se espera na noite deste venres fixo que na Illa de Arousa a sesión de DJ programada na praza do Regueiro se trasladase ao Auditorio Municipal.
No municipio coruñés de Muros, o concurso de comparsas que se celebraría este domingo aprazouse para o 25 de febreiro.