O Entroido galego será declarado Ben de Interese Cultural
O Entroido galego será declarado Ben de Interese Cultural
A Xunta vai comezar os trámites, segundo anunciou este sábado o conselleiro de Cultura en Xinzo
É o paso previo para que poida ser recoñecido como Patrimonio Inmaterial da Humanidade
O Entroido galego será recoñecido coa máxima figura patrimonial existente en Galicia: a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC). Anunciouno este sábado o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, en Xinzo de Limia.
Segundo dixo, o Diario Oficial de Galicia publicará a vindeira semana a incoación do expediente para outorgar esta distinción, na categoría de patrimonio inmaterial, a unha das tradicións "máis singulares e arraigadas". O prazo de resolución máximo son 24 meses.
Na xuntanza que mantivo no Museo do Entroido con representantes dos máis significativos, asegurou que se vai ter en conta "o interese etnolóxico, a función social e a riqueza cultural e patrimonial desta celebración nas súas diferentes representacións e expresións".
"Queremos asentar unha metodoloxía específica de preservación, coidado, estudo e divulgación desta celebración galega, e sinalalo como un elemento central no patrimonio inmaterial de todos os galegos e galegas, e por tanto esencial para definir e comprender a identidade de Galicia", explicou.
Os Entroido de Esgos, Salcedo (Pobra do Brollón) e Santiago de Arriba (Chantada) xa contan con esta distinción, no marco da declaración de paisaxe cultural da Ribeira Sacra aprobada en 2018. Ademais, outras celebracións están recoñecidas noutros ámbitos.
Festas de Interese Turístico
O Entroido de Verín é unha Festa de Interese Turístico Nacional e outros nove, de interese turístico de Galicia: Cobres, Laza, Viana do Bolo, o Folión tradicional do Entroido de Manzaneda, os Xenerais do Ulla, Maceda, Vilariño de Conso, Foz e o Enterro da Sardiña de Marín.
A declaración de Ben de Interese Cultural é o paso previo para que o Entroido galego poida optar a ser recoñecido como Patrimonio Inmaterial da Humanidade.