Publicador de contidos
Publicador de contidos

Científicos galegos descobren nos berberechos un cancro que se transmite pola auga

Científicos galegos descobren nos berberechos un cancro que se transmite pola auga

O equipo, liderado polo doutor Xosé Tubío, xa fora noticia mundial en 2020 por descubrir unha explicación á propagación do cancro no que ata entón se consideraba ADN lixo

G24.gal 05/10/2023 15:12

Células cancerosas, procedentes dun mesmo tumor, levan miles de anos no mar saltando de berberecho en berberecho. Esa é a asombrosa conclusión dun estudo realizado no CIMUS, en Santiago de Compostela. A comunidade científica deposita nel grandes expectativas porque senta as bases para entender mellor a metástase.

A noticia, de impacto internacional, volve saír do laboratorio do CIMUS onde traballa o equipo de doutor Xosé Tubío, un dos científicos galegos máis citados no ámbito internacional.

Neste caso preséntanse as conclusións dun traballo, de máis de seis anos, centrado na investigación dun dos poucos casos de cancro contaxioso que se dan na natureza: trátase dunha leucemia da que os berberechos se contaxian polo mar.

"As células tumorais xorden nun primeiro organismo, non se sabe exactamente canto tempo poden sobrevivir na auga, ata que infectan un novo berberecho, desenvolven ese tumor nel, e volven saír. Isto é o que se chama cancro transmisible, porque se transmite a través da auga e entre diferentes organismos, de tal xeito que ese tumor pode sobrevivir moito máis aló de o que sobrevive o individuo onde se orixinou", explicou Xosé Tubío, investigador Oportunius e director do proxecto de Scuba Cancers. 

"Temos estimacións de que este tumor pode ter entre 100.000 e 500.000 anos".

En realidade non se trata dun só tipo de tumor transmisible, senón de dous, que poderían ter de base un dos tumores máis antigos, con milleiros de anos de evolución e cunha configuración no seu xenoma que achega máis coñecemento sobre o comportamento do cancro.

 "Ten un xenoma tan desestruturado que parece incrible que un xenoma se puidese orixinar hai miles de anos con esa xenética tan autodestrutiva e ese grao de inestabilidade tan elevado. Iso informa de que o cancro no seu ADN ten o de sobrevivir a toda costa", dixo Xosé Tubío, Investigador Oportunius e director do proxecto de Scuba Cancer.

Comprender estes mecanismos celulares ofrece información valiosísima para explicar e nun futuro, quizais deter, a metástase. Investigación básica para a medicina do futuro que sae dos laboratorios de Santiago. Se alguén se fixo a pregunta, non hai posibilidade ningunha de transmisión a humanos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade