O espectáculo das luces do Nadal de Vigo enche os hoteis da cidade esta fin de semana
O espectáculo das luces do Nadal de Vigo enche os hoteis da cidade esta fin de semana
En canto á ocupación hoteleira, é desigual nas Rías Baixas. Vilas costeiras como Baiona ou Sanxenxo rozan o 60 % fronte a Vigo e os seus arredores que chegan ao 100 % debido ao bo tempo, a ponte festiva e sobre todo polo reclamo das luces do Nadal.
Na vilas costeiras das Rías baixas son os spa e balnearios os que rozan o 80 % da ocupación. O resto están entre un 40 e 60 %, o habitual nestas datas. Pero en Vigo e a súa área metropolitana arestora e durante toda a fin de semana non hai cuartos libres.
"Coinciden moitas cousas. O efecto chamada das luces de Nadal, a saída da Covid, porque hai que lembrar que o ano pasado por estas datas aínda tiñamos moitas anulacións das ceas de empresa. Hoxe o sector está moi satisfeito e moi contento. A ver se aguanta pouco e chove pouco seguramente teremos unha mellor marca histórica", conta a TVG César Ballesteros, o presidente da federación de empresarios de hostalería Pontevedra.
"Probablemente o tema das luces foi o gran revulsivo nestas datas. O mes de decembro era o peor mes do ano tradicionalmente aquí en Vigo e hoxe converteuse nun dos mellores á altura de xullo, lonxe de agosto pero á altura do mes de xullo que é o segundo mes mellor do ano", analiza Diego Ogando, o director do hotel Ogalia.
Parellas e familias que veñen de non moi lonxe, non máis de 300 quilómetros, nos seus coches particulares que permanecen na cidade dúas noites e que reservaron a última hora conforman o perfil dos clientes dos hoteis de Vigo nesta fin de semana previa á gran ponte de decembro.