Publicador de contidos
Publicador de contidos

O esquerdista Gustavo Petro gaña as eleccións en Colombia co 50,44 % dos votos

O esquerdista Gustavo Petro gaña as eleccións en Colombia co 50,44 % dos votos

A participación foi das máis altas rexistradas no país e alcanzou o 58,09 %

O presidente electo avogou por un "grande acordo nacional"

G24.gal 20/06/2022 08:00

Colombia elixiu este domingo o seu próximo presidente na segunda volta electoral demostrando a súa sólida tradición democrática con boas cifras de participación e co fito da vitoria do esquerdista Gustavo Petro.

A xornada electoral desenvolveuse con tranquilidade e normalidade, á expectativa duns resultados que se prevían axustados e que demostraron selo conforme o reconto ía avanzando e a distancia entre ambos os candidatos era de menos dun millón de votos.

Respecto aos discursos de fraude que viñan desde a campaña do Pacto Histórico, coalición coa que Petro concorría ás eleccións, a cita electoral despexou as dúbidas coa rapidez e transparencia con que a Rexistraduría Nacional, entidade que organiza os comicios, divulgou os resultados.

O resultado, finalmente, foi máis amplo que o empate técnico que vaticinaban as enquisas.
Petro obtivo 11.281.013 votos, alcanzando o 50,44 %, fronte ao 47,31 % de Hernández, empresario da construción que competiu como independente baixo o paraugas dun movemento chamado Liga de Gobernantes Anticorrupción e que recibiu 10.580.412 papeletas.

A participación foi das máis altas rexistradas no país e alcanzou o 58,09 %, co cal, a abstención, do 41,91 %, foi a máis baixa neste século, segundo os datos ofrecidos pola Rexistraduría Nacional. 

"Aquí o que vén é un cambio de verdade, un cambio real, niso comprometemos a existencia, a vida mesma, non imos traizoar ese electorado que lle berrou ao país, que lle berrou precisamente á historia que a partir de hoxe Colombia cambia, Colombia é outra", dixo Petro ante unha multitude que o aclamou no Movistar Arena de Bogotá.

O presidente electo avogou por un "grande acordo nacional", para o que adiantou que se buscará outras formacións coa intención de que "Colombia, no medio da súa diversidade, sexa unha soa Colombia". O próximo 7 de agosto Petro será investido como sucesor do presidente Iván Duque, co cal se pechará un ciclo de máis de 200 anos de gobernos de dereitas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade