O estado de Wyoming prohibe o uso das pílulas abortivas
O estado de Wyoming prohibe o uso das pílulas abortivas
Mentres, os EUA agardan a resolución dun xuíz de Texas nun caso que decidirá o acceso á pílula abortiva Mifepristona a nivel nacional
O gobernador de Wyoming, Mark Gordon, deu luz verde este venres a unha lei que prohibirá o uso das pílulas abortivas, convertendo o estado no primeiro en vetar estes medicamentos no país.
O político republicano tamén aprobou un proxecto de lei que restrinxe a maioría de abortos no seu territorio, salvo en casos de violación, incesto ou cando a vida da nai está en risco, segundo informan medios locais.
A decisión de Gordon chega mentres os EUA agardan o veredicto dun xuíz de Texas nun caso que decidirá o acceso á pílula abortiva Mifepristona a nivel nacional.
Unha asociación médica en contra do aborto presentou unha demanda contra este comprimido co obxectivo de forzar á Administración de Alimentos e Fármacos (FDA) a revogar a súa aprobación no país.
Centro do debate
A Mifepristona, aprobada polo órgano regulador no ano 2000, centrou o debate do aborto nos Estados Unidos nas últimas semanas.
A cadea de farmacias Walgreens decidiu a inicios de marzo que non distribuirá pílulas abortivas nos estados con gobernos republicanos ou onde o funcionariado deste partido ameazara con demandar.
A decisión da empresa chegou despois de que a FDA emitira unha normativa que permitiría a venda de medicamentos abortivos nos seus establecementos.
A Mifeprostona emprégase, xunto co Misoprostol para interromper o embarazo antes de finalizar o terceiro mes de xestación.
Os abortos con este tipo de medicamentos supuxeron o 54 % das interrupcións de embarazos nos EUA nos últimos dous anos, segundo datos do Instituto a Guttmacher.
A súa prohibición xeraría unha das maiores polémicas en materia de dereitos reprodutivos nesta nación desde que o ano pasado o Tribunal Supremo anulara a sentenza "Roe contra Wade".