Publicador de contidos
Publicador de contidos

O euríbor cae a mínimos e baixará a cota da hipoteca media uns 120 euros ao mes

O euríbor cae a mínimos e baixará a cota da hipoteca media uns 120 euros ao mes

Segundo os datos provisionais, a taxa media do índice vai pechar o mes de outubro no 2,718 %

G24.gal 27/10/2024 11:10 Última actualización 27/10/2024 12:18

O euríbor a doce meses, o indicador máis utilizado en España para calcular as hipotecas variables, encamíñase a pechar outubro cun forte descenso.

No seu último día de cotización ata a data, o venres pasado, diminuíu con forza, ata situarse nunha taxa diaria do 2,565 %, a máis baixa desde outubro de 2022.

Deste xeito, e segundo os datos provisionais, a taxa media alcanza o 2,718 % este mes, e de confirmárense, sería menor ca o 2,936 % acadado en setembro.

O indicador comezou o ano cunha taxa do 3,609 %, en febreiro subiu ao 3,671 % e en marzo, ao 3,718 %. En abril iniciou unha senda descendente que se mantén e pechou no 3,703 %.

En maio, caeu ata o 3,680 %; en xuño, ao 3,650 %; en xullo, ao 3,526 %; en agosto, ao 3,166 %; e en setembro, ao 2,936 %.

En outubro, cando quedan catro sesións para que finalice o mes, alcanza esa taxa provisional do 2,718 %, o seu nivel máis baixo desde outubro de 2022, e a súa sétima caída consecutiva.

Recorte dos tipos

O indicador cae con forza despois de que o Banco Central Europeo (BCE) recortara o día 17 de outubro os tipos de xuro en 25 puntos básicos.  Esta foi a segunda vez que o organismo optou por rebaixar o prezo do diñeiro de forma consecutiva, e a terceira no ano.

Neste contexto, agárdase que continúe o descenso, en función do ritmo dos recortes de tipos de xuro que acometa o BCE, as perspectivas de crecemento da zona Euro e tamén da evolución da inflación.

Malia a incerteza, as previsións falan dunha estabilización de arredor do 2,5 %-3 % a finais de ano.

Rebaixa nas cotas das hipotecas

A nova caída que rexistrará o euríbor en outubro propiciará unha nova rebaixa nas cotas das hipotecas variables, xa que hai un ano, en outubro de 2023, o indicador situábase no 4,160 %. Será o maior descenso dende 2009.

Como exemplo, para unha hipoteca media de 150.000 euros a un prazo de 25 anos máis un interese do 1 % sobre o euríbor, a cota pasaría dos case 891 euros aos 768 euros, o que suporía un aforro de 123 euros mensuais, uns 1.476 euros anuais.

No caso dunha hipoteca de 300.000 euros, coas mesmas condicións, o aforro sería duns 249 euros ao mes, preto de 3.000 euros ao ano.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade