O Exército desprega 30 patrullas en Galicia contra os incendios forestais
O Exército desprega 30 patrullas en Galicia contra os incendios forestais
Realizará labores de vixilancia e disuasión nun total de trinta e oito municipios, cinco máis ca o ano pasado
Un total de 30 patrullas, formadas por membros do Exército de Terra e de Infantería de Mariña, comezan a operación Sentinela Galego 23, que estará activa desde mañá, 15 de agosto, ao 30 de setembro, para a loita contra os incendios forestais en Galicia.
Da vixilancia nas provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra encargaranse 25 patrullas da Brigada Galicia VII (Brilat), mentres que outras cinco, integradas polos Infantes de Mariña do Terzo Norte (Ternor) da Armada, con base en Ferrol, realizarán as súas patrullas na zona sur da provincia da Coruña.
Ademais da despregadura sobre o terreo, unha unidade de vixilancia aérea diúrna/nocturna con avións tripulados de forma remota intervirá no operativo, segundo explica o Ministerio de Defensa.
Este dispositivo realizará labores de vixilancia e disuasión nun total de trinta e oito municipios, cinco máis ca o ano pasado, repartidos en oito distritos forestais, un máis ca en 2022, tal e como se recolle no convenio asinado entre o Ministerio de Defensa e a Xunta de Galicia.
As unidades militares actuarán baixo o control do Mando de Operacións, e o xeneral Alfonso Pardo de Santayana exercerá como xefe de todas as forzas militares participantes, aínda que, a pedimento da Xunta, poderase modificar e variar o esforzo das patrullas en cada zona para adaptarse á valoración do risco.
Na mesma operación, durante o ano 2022, empregáronse un total de 85 vehículos, percorréronse un total de 320.000 quilómetros e realizáronse arredor de 5.600 patrullas, tanto de presenza en municipios como de vixilancia desde diferentes observatorios.
En total, completáronse 11.000 minutos de vixilancia e observación diúrna/nocturna co emprego dos sistemas aéreos tripulados de forma remota, cun saldo de máis de 80 avistamentos notificados á Xunta.