Publicador de contidos
Publicador de contidos

Tropas israelís e milicianos de Hezbollah enfróntanse no sur do Líbano

Tropas israelís e milicianos de Hezbollah enfróntanse no sur do Líbano

directo Vista da fronteira de Israel co Líbano
G24.gal 02/10/2024 12:35 Última actualización 02/10/2024 19:09

O exército israelí anunciou este mércores "enfrontamentos a curta distancia" das súas tropas no sur do Líbano, desde que iniciaron a madrugada do martes a súa invasión terrestre, e dixeron ademais que continúan atacando a milicianos e obxectivos de Hezbollah. Tamén confirmaron a morte en combate dun primeiro soldado israelí no Líbano.

Segundo un comunicado castrense, os soldados da División 98ª, en cooperación coa forza aérea, eliminaron milicianos e desmantelaron infraestruturas en "choques a curta distancia" e facendo uso municións guiadas de precisión.

"Ata o de agora, máis de 150 infraestruturas" foron destruídas en ataques aéreos, segundo o texto, incluídos cuarteis xerais de Hezbollah, instalacións de almacenamento de armas e lanzafoguetes.

O soldado foi identificado como Eitan Itzhak Oster, de 22 anos, natural da cidade israelí de Modin, próxima a Xerusalén, e comandante da Unidade Egoz do Exército.

Trátase da primeira baixa militar en chan libanés desde a guerra de 2006 entre Israel e Hezbollah. 

Hoxe tamén, o grupo xiíta Hezbollah anunciou nun comunicado, por primeira vez, enfrontamentos contra un grupo de soldados israelís "infiltrados" na localidade sureña de Maron al Ras, pegada á liña divisoria común, e insinuaba causar mortos.

E pouco antes, o exército libanés confirmaba a presenza de tropas israelís a uns 400 metros da Liña Azul nas zonas de Harba Yaron e Bawaba al Eddessa, pero dicía que se retiraron pouco despois, segundo unha mensaxe en X.

Así mesmo, Israel afirmou que, nestes momentos, as súas forzas aéreas continúan atacando "obxectivos" de Hezbollah no Líbano, como postos de observación e infraestrutura na liña sur, e dixo identificar o lanzamento de preto de 40 proxectís contra a rexión norteña da Alta Galilea.

Segundo un comunicado castrense, algúns dos foguetes foran interceptados e varios caeran na zona, sen causar feridos ou mortos. Ademais, interceptáronse tamén "obxectivos aéreos sospeitosos" tanto na Alta Galilea como na Occidental chegados do Líbano.

Hezbollah, pola súa banda, reivindicou máis dunha decena de ataques con foguetes, mísiles ou artillería contra posicións e congregacións de soldados en diferentes puntos do norte de Israel, así como zonas máis afastadas como a cidade de Haifa.

O exército israelí anunciou a madrugada do martes o inicio da súa invasión terrestre do Líbano, que describiu como unha incursión "limitada e localizada" no sur do Líbano, aínda que polo momento se descoñece o seu alcance e magnitude reais. 

A ofensiva terrestre prodúcese despois de dez días de intensos bombardeos aéreos contra o sur e o leste do Líbano, e os suburbios meridionais de Beirut, os principais bastións de Hezbollah no Líbano. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade