O Exército ruso lanza un novo ataque contra infraestrututras enerxéticas en Ucraína
O Exército ruso lanza un novo ataque contra infraestrututras enerxéticas en Ucraína
Causou cortes na subministración eléctrica e outros servizos, ademais de danos en edificios civís e polo menos dous mortos
O Exército ruso lanzou este venres un novo ataque con mísiles contra infraestruturas básicas de Ucraína que causou cortes na subministración eléctrica e outros servizos, ademais de danos en edificios civís e polo menos dous mortos.
Entre os lugares afectados están algunhas das principais cidades do país, como Khárkiv ou Poltava, ambas sen subministración eléctrica, ou a capital, Kíiv, onde as redes de metro quedaron paralizadas despois de que varios mísiles afectasen a dous distritos da capital, informan medios locais.
En Krivoi Rog, na rexión de Dnipropetrovsk, polo menos dúas persoas morreron como resultado da caída dun foguete ruso que bateu nun edificio residencial. Hai cinco feridos, incluídos dous nenos, que foron hospitalizados, segundo avanzou o responsable rexional Valentyn Reznichenko en Telegram.
"En Krivoi Rog un foguete ruso bateu contra un edificio residencial. A entrada foi destruída. Dúas persoas morreron. Polo menos cinco foron feridas, incluídos dous nenos. Todos están no hospital", dixo Reznichenko.
Debido aos ataques, a rexión de Dnipropetrovsk quedou tamén sen subministración eléctrica. Na capital ucraína, polo seu lado, impuxéronse "apagamentos de emerxencia debido a un ataque con mísiles, e hai problemas coa subministración de auga", segundo dixo na súa conta de Telegram o alcalde da cidade Vitalii Klytchko.
Tamén se rexistraron impactos de mísiles na rexión de Zhytomir, ao oeste de Kiev, que sufriu incidencias na subministración de servizos básicos, e en Odesa, a beiras do Mar Negro.
O ministro de Enerxía ucraíno Herman Halushchenko confirmou nas redes sociais que as instalacións de enerxía no leste e o sur do país quedaron gravemente danadas. Ucraína espertou hoxe cun ataque masivo con mísiles lanzado por Rusia, entre 60 e 70 proxectís, segundo diversas fontes oficiais, que fixo soar as sirenas antiaéreas en ata 16 rexións do país.