Publicador de contidos
Publicador de contidos

O expresidente de Portos do Estado declara que comprou as máscaras coa mediación de Transportes

O expresidente de Portos do Estado declara que comprou as máscaras coa mediación de Transportes

Francisco Toledo defendeu que a adquisición "foi un acerto" e incluso chegou a cualificar o seu preso como "extremadamente barato"

Francisco Toledo, expresidente de Portos do Estado, comparece na comisión de investigación do Senado (Europa Press/Fernando Sánchez)
G24.gal 30/05/2024 11:43 Última actualización 30/05/2024 14:10

O expresidente de Portos do Estado, Francisco Toledo Lobo, afirmou que a entidade autorizou un contrato de subministración de máscaras por máis de 20 millóns de euros coa empresa vinculada co caso Koldo por mediación do Ministerio de Transportes.

Toledo, que non está a ser investigado na trama pero si foi citado como testemuña, contestou ás preguntas dos grupos do Senado durante a sesión deste xoves da comisión de investigación que se celebra na cámara alta.

O expresidente explicou que a contratación destas máscaras, que posteriormente se distribuíron en varios ministerios, "foi un acerto" e tramitouse a través de Portos do Estado porque tiña as arcas "moi saneadas" e podía pagalas en man.

Sobre o contacto con Soluciones de Gestión, apuntou a que o secretario xeral do Ministerio, Álvaro Sánchez, que actuou, afirmou, con "eficacia e eficiencia", lle transmitiu que era froito "das xestións que fixeron co Ministerio".

E sinalou Toledo que Soluciones de Gestión era a única empresa que reunía as condicións e que logrou presentar unha oferta, segundo lle comunicou o Ministerio.

Ademais, defendeu que o prezo das máscaras era "extremadamente barato" ao que se estaba pagando noutras administracións. "Pareceume que había que asinalo xa", razoou.

Neste sentido, asegurou que se esas máscaras se comprasen ao prezo medio de mercado nese momento, custarían 9 millóns de euros máis.

Durante a comisión, o portavoz do PSOE, José Antonio Valbuena, cargou contra o PP e acusouno de tratar aos comparecentes que foron declarando "como presuntos culpables".

Non tiña relación con Ábalos

Durante a súa declaración, Toledo negou unha relación de confianza co exministro de Transportes José Luis Ábalos, previa á súa designación como presidente da entidade.

Achacou a súa elección á súa xestión á fronte do Porto de Castelló e a un 'déficit' de valencianos na administración central. "Xamais falara co señor Ábalos", reiterou Toledo ante as preguntas do portavoz do PP, Francisco Martín Bernabé.

Tamén negou calquera relación co exasesor de Ábalos Koldo García, co que dixo que coincidiu nunha reunión nunha ocasión, pero co que "xamais" falou sobre os contratos de máscaras.

Doutra banda, dixo que non coñecía a Juan Carlos Cueto ou Víctor Aldama, xa que segundo insistiu, a tramitación das máscaras fíxose coa intermediación de Transportes. "Non sabía quen era ata que saltou o caso", asegurou. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade