Publicador de contidos
Publicador de contidos

O expresidente Donald Trump, condenado a pagar unha multa de 350 millóns por fraude

O expresidente Donald Trump, condenado a pagar unha multa de 350 millóns por fraude

Condenados tamén os dous fillos maiores e un antigo executivo da súa compañía

"A súa completa falta de arrepentimento e remorso raia no patolóxico", chegou a escribir o maxistrado na súa decisión

Imaxe de arquivo Imaxe de arquivo
G24.gal 16/02/2024 22:27

O expresidente dos Estados Unidos Donald Trump (2017-2021) terá que pagar unha multa de máis de 350 millóns de dólares (uns 324 millóns de euros) por varios casos de fraude na súa empresa familiar, a Organización Trump, segundo fallou este venres un xuíz en Nova York.

O maxistrado Arthur Engoron limitou tamén a capacidade do exmandatario de facer negocios no estado durante o próximos tres anos.

Espérase que Trump recorra a decisión, pero ata o momento aínda non reaccionou na súa rede Truth Social, onde adoita publicar os seus comentarios.

A multa divídese en varios cargos a Trump e ás súas empresas (por un valor conxunto de 355 millóns de dólares, uns 329 millóns de euros), aos seus dous fillos maiores (4 millóns de dólares a cada un, uns 3,7 millóns de euros), e a un antigo executivo da compañía (un millón de dólares, uns 928.000 euros), todos eles acusados pola Fiscalía de inflar cifras de activos para lograr vantaxes con aseguradoras e bancos.

Engoron xa os consideraba a todos eles responsables de fraude nunha decisión sumaria, antes de que comezase o xuízo civil.

"A súa completa falta de arrepentimento e remorso raia no patolóxico", chegou a escribir o maxistrado na súa decisión.

A Fiscalía do estado de Nova York, liderada pola fiscal Letitia James, reclamaba que a Trump e aos dous executivos acusados, Allen Weisselberg e Jeffrey McConey, se lles impedise "para sempre" participar no sector inmobiliario ou exercer a dirección de "calquera empresa ou entidade legal" no estado de Nova York.

Finalmente, Engoron decretou que Weisselberg e McConney non poidan ter nunca o control financeiro de ningunha compañía de calquera clase en Nova York, e que Trump (ademais dos dous executivos) non poida exercer como director de ningunha empresa ou entidade legal durante tres anos no estado, ou pedir préstamos de ningunha entidade rexistrada en Nova York no mesmo período.

Isto terá efectos inmediatos, por exemplo, na Torre Trump, un complexo de hotel, restaurantes e galerías comerciais situada na icónica Quinta Avenida neoiorquina.

Con todo, o xuíz decidiu non ratificar a liquidación das empresas do exmandatario que ordenou antes de que comezase o xuízo (esa decisión foi pausada entón por un tribunal de apelacións).

O veredicto, moi esperado polos medios en Estados Unidos, demorouse durante máis dunha semana, xa que estaba previsto que se coñecese a finais de xaneiro.

O xuízo durou uns dous meses, e nel dirimíronse seis cargos relacionados coa manipulación de cifras de activos nos documentos financeiros da Organización Trump para obter vantaxes con aseguradoras e bancos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade