O Fabril vence no derbi o Compostela (2-0) e sitúase na cabeza
O Fabril vence no derbi o Compostela (2-0) e sitúase na cabeza
O filial plasmou o seu dominio no marcador na segunda metade
O Compostela, sen capacidade de reacción, segue sen gañar
O Fabril sumou en Riazor o seu segundo triunfo consecutivo, e colócase momentaneamente no grupo de cabeza da Segunda Federación, mentres o Compostela segue sen sumar o seu primeiro triunfo esta temporada.
O Compostela entrou un chisco mellor no partido, e tivo a primeira ocasión clara. Levou a sinatura de Hugo Matos e desbaratouna Alberto de xeito espectacular. Pero, co paso dos minutos, comezou a coller o mando do encontro o conxunto local. No 18 chegaba unha das mellores ocasións, cun centro de Luisao que toca co calcaño Alfaro habilitando a Guerrero, que topou co pau.
Seguiu a presión do Fabril, que gozou doutras ocasións claras nas botas de Aarón, Darío e Hugo Villaverde. Os tres toparon con Rabanillo, que lle permitiu ao Compostela chegar co empate ao descanso.
A segunda metade comezou como a primeira, cunha boa acción de Hugo Matos, que voleou un centro un chisco por riba do traveseiro. E, como acontecera na primeira parte, chegou outra ocasión clara para o Fabril que, desta volta, non desaproveitou o conxunto de Gilsanz. Desta volta asistiu de volea Marotías despois do rexeitamento dun córner. A súa asistencia aproveitouna o seu compañeiro da defensa, Aarón, para controlar e rematar raso ao fondo da rede.
O Compostela intentou reaccionar cun cuádruplo troco no minuto 66, pero a aposta de Permuy non se plasmou sobre o céspede. E foi o Fabril o que volveu pegar. Foi nunha asistencia de Alfaro a Kevin, que entrou desde atrás en posición correcta para establecer o 2 a 0.
Os últimos minutos foron un exercicio de impotencia dos santiagueses, cun Fabril que mesmo puido ampliar a conta xogando á contra. Ao final, dous a cero en Riazor. O Fabril encadea vitorias, e o Compostela segue cun só punto.