O FBI detén o suposto autor das filtracións de documentos secretos
O FBI detén o suposto autor das filtracións de documentos secretos
O arresto tivo lugar en North Dighton, e medios de comunicación aseguran que se trata de Jack Teixeira, de 21 anos e membro da Garda Nacional Aérea de Massachusetts
O FBI detivo este xoves na localidade de North Dighton (Massachusetts) o suposto autor das filtracións de documentos secretos que sacudiron os Estados Unidos nos últimos días e que podería ser a máis grave nunha década.
O arresto tivo lugar en North Dighton e, aínda que non se detallou quen é a persoa detida, medios de comunicación norteamericanos aseguran que se trata de Jack Teixeira, de 21 anos e membro da Garda Nacional Aérea de Massachusetts.
As televisións do país amosaron un gran dispositivo policial arredor da vivenda en North Dighton de Teixeira, con helicópteros sobrevoando a zona.
As autoridades non identificaron o autor das filtracións, pero os diarios The Washington Post e The New York Times publicaron o nome do sospeitoso este xoves.
Segundo The Washington Post, Teixeira puido acceder a información clasificada grazas ao seu traballo como técnico informático nunha base da Garda Nacional Aérea de Massachusetts.
Tras acceder aos documentos, Teixeira colgounos supostamente na plataforma Discord, popular entre seguidores dos videoxogos, co obxectivo de impresionar outros mozos. O material difundiuse por outras redes sociais como Telegram e rematou nas portadas dos grandes diarios de todo o mundo.