O FBI non ve conexión entre o atentado das Vegas e o de Nova Orleáns
O FBI non ve conexión entre o atentado das Vegas e o de Nova Orleáns
O home que se inmolou nun Tesla diante do hotel Trump é un soldado de elite estadounidense
O autor do atropelo masivo actuou só e inspirado polo ISIS
O lugar, a porta do hotel Trump de Las Vegas. O vehículo utilizado, unha camioneta Tesla, a marca de Elon Musk, o principal aliado do presidente electo do pais. O autor, un soldado estadounidense en activo, membro dun corpo de elite. Morreu o facer estourar dende o interior unha mestura de cilindros de gas, combustible e morteiros de pirotecnia de grande calibre. Sete persoas que pasaban pola zona resultaron feridas.
A tres semanas do regreso de Trump á Casa Branca e despois do atropelo masivo de Nova Orleáns, saltaron todas as alarmas. Pero o FBI descartou que se trate de atentados terroristas coordinados.
"Non hai vínculos entre o ataque de Nova Orleáns e o das Vegas", asegurou en rolda de prensa Christopher Raia, subdirector adxunto do FBI.
Os investigadores non teñen dúbidas de que o de Nova Orleáns, foi un atentado xihadista planificado. Pero o autor actuou en solitario. Deixou cinco vídeos en Facebook anunciando as súas intencións e outras probas.
"Afirmou que se unira ao ISIS antes do verán. E tamén fixo testamento antes de atentar", explicou Raia.
No atentado de Nova Orleáns morreron 15 persoas, incluído o atacante identificado como Shamsud-Din Jabbar, cidadán e exmilitar estadounidense. No das Vegas só o autor, do que se descoñecen as motivacións. En Nova York reforzouse a seguridade da Torre Trump a só tres semanas de que o seu propietario tome posesión como presidente dos Estados Unidos.