Publicador de contidos
Publicador de contidos

O féretro de Isabel II chega ao Parlamento británico, onde se instalou capela ardente

O féretro de Isabel II chega ao Parlamento británico, onde se instalou capela ardente

G24.gal 14/09/2022 15:24 Última actualización 14/09/2022 19:03

Minutos antes das 15:30, hora galega, o féretro da raíña Isabel II deixou o palacio de Buckingham, camiño do Parlamento Británico, en Westminster, onde se instalou capela ardente.

Por detrás do carro de armas que transportou o cadaleito ian a pé o rei Carlos III e os seus irmáns, Ana, Andrés e Eduardo, e máis atrás camiñaban os príncipes Guillerme e Henrique, fillos do soberano.

Guillerme, que ostenta agora o título de príncipe de Gales, levaba uniforme militar, pero o seu irmán Henrique, duque de Sussex, levaba só algunhas condecoracións sobre traxe de día, despois de que a raíña Isabel II lle retirara os seus títulos militares pola súa decisión de apartarse da Casa Real a principios de 2020.

Milleiros de cidadáns presenciaron o paso do cortexo fúnebre a ambos lados da céntrica avenida de The Mall.

Desde primeira hora da mañá, familias enteiras, anciáns, persoas en cadeiras de rodas ou grupos de colexiais procedentes de todas partes do mundo apiñáronse para render tributo á soberana, falecida o 8 deste mes aos 96 anos en Balmoral (Escocia).

Entre a multitude había numerosos paramédicos para facilitar asistencia sanitaria, se fose necesaria, así como unha destacada presenza policial para velar pola orde. 

A Tropa de Artillería dacabalo foi a encargada de tirar o carro co cadaleito de carballo de Isabel II, cuberto co estandarte real e tamén unha coroa de dalias e rosas brancas.

A solemne procesión transcorreu a paso lento e en orde case perfecta por The Mall -que une o palacio e Whitehall, onde se sitúan algúns edificios gobernamentais-, engalanada con grandes bandeiras británicas.

Por diante do féretro avanzaban axentes da Policía de Londres montados dacabalo, en tanto que o cadaleito ia custodiado a ambos os dous lados polo Primeiro Batallón dos Gardas Granadeiros.

O silencio da xente quedou roto só pola música solemne dunha banda real e os canonazos disparados cada minuto desde o próximo parque londiniense de Hyde Park e unha badalada do reloxo Big Ben, tamén cada minuto.

Ao chegar á sede da Garda Real dacabalo, fronte ao céntrico parque de St. James, o cortexo recibiu o saúdo desta garda ao atravesar o arco do edificio.

Unha vez no Parlamento de Westminster, o féretro acaba de ser colocado sobre un catafalco nunha capela ardente, onde permanecerá custodiado -por quendas- por membros da garda real e os gardiáns "Yeoman" da Torre de Londres. 

Chegada do féretro de Isabel II a Westminster

 Un servizo relixioso marcou a chegada do féretro da raíña Isabel II ao Parlamento británico.

A misa está a cargo do arcebispo de Canterbury, Justin Welby.

Ao servizo asisten o rei Carlos III e os seus tres irmáns, a princesa Ana e os príncipes Andrés e Eduardo, así como os fillos do soberano, os príncipes Guillermo e Enrique, e outros membros da familia real británica.

O cadaleito permanecerá cuberto co estandarte real, formado por catro cuadrantes: dous deles teñen tres leóns dourados que representan a Inglaterra, un ten un león vermello que simboliza a Escocia e o cuarto a arpa que representa a Irlanda.

Sobre o cadaleito colocarase a coroa imperial; o orbe real, peza que representa ao mundo cristián, e o cetro de ouro, que simboliza o poder.

Espérase que decenas de miles de persoas visiten a capela ardente en Westminster Hall, que abriu hoxe ás 6 da tarde hora galega e pechará á 07.30 da mañá do vindeiro luns, cando o féretro será trasladado á veciña abadía de Westminster para o funeral. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade