O fiscal xeral pide a citación de Miguel Ángel Rodríguez como testemuña
O fiscal xeral pide a citación de Miguel Ángel Rodríguez como testemuña
Álvaro García Ortiz está investigado polo Supremo por revelación de segredos polos correos da parella de Isabel Díaz Ayuso coa Fiscalía
Miguel Ángel Rodríguez é o director do gabinete da presidenta da Comunidade de Madrid
O fiscal xeral do Estado Álvaro García Ortiz pídelle ao xuíz do Tribunal Supremo Angel Hurtado, que o investiga por un delito de revelación de segredos, que cite como testemuña a Miguel Ángel Rodríguez, director de gabinete da presidenta madrileña Isabel Díaz Ayuso.
En concreto, a Avogacía do Estado, que exerce a defensa de García Ortiz, solicita ao maxistrado instrutor a testifical ao existiren "indicios" de que accedeu "a unha parte do contido dos correos" que Alberto González Amador, parella de Díaz Ayuso, cruzou coa Fiscalía, segundo adianta La Vanguardia. Tamén pide a comparecencia de varios xornalistas. O propio Rodríguez xa reaccionou cunha mensaxe en redes sociais: "Fiscal Xeral: se me chamas a declarar vas ir pá’lante!!!".
O xuíz investiga se García Ortiz e a fiscal provincial de Madrid Pilar Rodríguez incorreron nun delito de revelación de segredos cos correos en que González Amador ofrecía un pacto á Fiscalía en que se declaraba culpable de dous delitos fiscais por defraudar máis de 350.000 euros dos beneficios obtidos pola venda de máscaras na pandemia.
Segundo La Vanguardia, a Avogacía do Estado defende que a primeira revelación de segredos foi de Miguel Ángel Rodríguez o pasado 13 de marzo, para o que se basea en varias noticias en distintos medios de comunicación publicadas aquela noite.