O Frigoríficos buscará repetir triunfo ante o Ademar co premio da fase final
O Frigoríficos buscará repetir triunfo ante o Ademar co premio da fase final
O Cangas está no seu mellor momento da tempada, despois de encadear catro vitorias e un empate entre Liga e Copa
No seu mellor momento da tempada, despois de encadear catro vitorias e un empate entre Liga e Copa do Rei, o Frigoríficos do Morrazo buscará este mércores o seu billete para a fase final da Copa ante o Ademar León.
O equipo de Dani Gordo parte como favorito na eliminatoria a pesar de xogarse no Gatañal, onde hai dez días foi superado na liga Asobal por un Frigoríficos que rozou a perfección nese encontro, cun notable exercicio defensivo e un xogo coral en ataque.
A Copa do Rei é unha competición que ilusiona en Cangas desde que se cambiou o formato. O seu equipo participou nas últimas dúas edicións da Final a 8. En Antequera alcanzou as semifinais despois de eliminar precisamente ao Ademar; o pasado ano caeu na primeira rolda ante o Logroño.
A reacción do equipo na liga, tras sumar sete dos últimos oito puntos en xogo, meteu o Frigoríficos na pelexa por eludir o playout de descenso. Unha vitoria o domingo en Huesca multiplicaría as súas posibilidades de asinar a xesta. Por iso, Nacho Moyano rotará no duelo de mañá máis do habitual. Pero iso non quere dicir que renuncie á clasificación, xa que el mellor que ninguén, sabe o que significar estar na fase final.
Baixo a súa dirección, o Frigoríficos logrou os históricos billetes para Antequera e Santander. As opcións do Frigoríficos pasarán, sobre todo, por minimizar as perdas en ataque para evitar que o Ademar poida facer goles fáciles de contraataque.
Se obriga ao equipo de Gordo a atacar en posicional, como xa fixo en Liga, terá moitas posibilidades de protagonizar outra sorpresa.
Este encontro, correspondente á terceira eliminatoria da Copa do Rei, comezará ás 20:30 horas no pavillón municipal do Gatañal e será dirixido polos irmáns Jorge e Jesús Escudero Santiuste (comité cántabro).