Publicador de contidos
Publicador de contidos

O G7 e Biden censuran o ataque de Irán ao tempo que optan pola vía diplomática

O G7 e Biden censuran o ataque de Irán ao tempo que optan pola vía diplomática

A Unión Europea expresa que fará todo o posible para evitar unha escalada no conflito

Ducias de países, a OTAN e o Papa Francisco reclaman moderación das partes

 

G24.gal 14/04/2024 20:55 Última actualización 14/04/2024 21:27

O G7 condena "por unanimidade"o ataque iraniano contra Israel. Este domingo reuníase por videoconferencia, coa italiana Giorgia Meloni como presidenta de quenda, e decidía ademais pedirlles ás partes implicadas que actúen "con moderación".

Os líderes das sete democracias máis prósperas do mundo comprométense tamén a facer todos os esforzos para que non escale o conflito.

Transcendeu que avaliaron a designación da Garda Revolucionaria de Irán como grupo terrorista, tema que quedou pendente, e a posibilidade de impoñer máis sancións ao réxime de Teherán.

O presidente do Consello Europeo, Charles Michel, presente na xuntanza, explicou que os esforzos pasan tamén polo cesamento do fogo decontado en Gaza e engadiu que a situación de Oriente Medio será tema central no cumio da Unión Europea do mércores e o xoves vindeiros.

"As accións de Irán corren o risco de provocar unha escalada rexional incontrolable e isto debe evitarse. Continuaremos traballando para estabilizar esta situación", sinalaba a presidenta da Comisión Europea Ursula von de Leyen tras a xuntanza do G7.

O outro foco céntrase nas próximas horas na reunión do Consello de Seguridade da ONU. Non estará exenta de polémica, xa que o representante israelí pide que a Garda Revolucionaria de Irán sexa designada como "organización terrorista", tema xa tratado polo G7.

Os pedimentos de moderación entre as partes chegan desde ducias de países, tamén desde o mundo árabe, e súmanse referentes tan dispares como a OTAN ou o Papa Francisco, que censura a Irán e reclama a fin da agresión israelí contra Gaza.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade