Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno abre a porta a compensar o sector da pesca dentro do plan da eólica mariña

O Goberno abre a porta a compensar o sector da pesca dentro do plan da eólica mariña

A Plataforma en Defensa da Pesca e do Medio Mariño rexeita a folla de ruta do Executivo

Teresa Ribera asegura que a pesca debe "convivir" coa eólica mariña

G24.gal 03/03/2023 14:33

Unha oportunidade de futuro que Galicia non pode perder. A industria galega di que está preparada para converterse no gran polo europeo da enerxía eólica mariña.

"É fundamental para Galicia que haxa unha forte cadea de valor desta industria que pode xerar máis de cinco mil empregos de aquí ao 2030", di Enrique Mallón, de ASIME.

O Goberno acaba de aprobar o mapa das zonas onde se poderán instalar parques eólicos. Un documento que rexeita o sector pesqueiro porque di que coincide cos principais caladoiros das frotas de Galicia e Asturias.

A Ministra para a Transición Ecolóxica abre a porta a futuras compensacións. "Pode haber unha tecnoloxía ou outra que permita ancorar as estruturas flotantes que permitan máis ou menos artes de pesca e tamén posibilidade de participar nos beneficios", explica a tamén vicepresidenta terceira do Goberno, Teresa Ribera.

Un compromiso que non convence ao sector pesqueiro. "Iso é desordenar e tirarse ao monte. E non pode vender iso como unha oportunidade de futuro ou que hai que conciliar determinados intereses. Os intereses hai que concilialos desde o principio. Non se pode empezar a casa polo tellado. Non hai información científica sobre os impactos desta industria no mar", afirma Torcuato Teixeira, da Plataforma en Defensa da Pesca e do Medio Mariño

Desde a Xunta de Galicia pídenlle ao goberno diálogo para conciliar os intereses de todos os sectores afectados.

"Hai un acordo dentro do Observatorio da Eólica Mariña para traballar nesa dirección e creo que desde a Xunta de Galicia e dos sector pesqueiro merecemos que o goberno nos poida trasladar as explicacións desde o punto de vista técnico", aseguraba este venres Francisco Conde, vicepresidente da Xunta.

A folla de ruta da enerxía eólica mariña prevé contar cunha potencia de 3 xigawatts de aquí ao 2030.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade