Sánchez anuncia un aval de ata o 20 % da hipoteca para mozos e para familias con menores
Sánchez anuncia un aval de ata o 20 % da hipoteca para mozos e para familias con menores
Insiste Pedro Sánchez coas súas promesas sobre vivenda ás portas da campaña electoral para as municipais e autonómicas do 28-M
Poderán acollerse á medida os fogares con ingresos por baixo dos 37.800 euros
O presidente do Goberno e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, situou a vivenda como "unha causa nacional" para España.
Así, a catro días do comezo da campaña electoral do 28-M anunciou nun mitin nas Canarias a aprobación no próximo Consello de Ministros dunha liña de avais de ata o 20 % das hipotecas para facilitar o acceso a unha casa.
Eses avais xestionaranse a través do Instituto de Crédito Oficial (ICO) e destinaranse á compra da primeira vivenda para persoas de ata 35 anos e para familias con menores ao seu cargo, que merquen a súa primeira vivenda.
Nos dous casos, sempre que os ingresos individuais dos solicitantes da hipoteca non superen os 37.800 euros anuais.
O Goberno non ofreceu un cálculo de posibles beneficiarios. Conforme os datos da Axencia Tributaria en España hai uns 16 millóns e medio de asalariados con rendas inferiores a 36.500 euros anuais. O acceso á vivenda complícase ante as condicións dos bancos que non conceden habitualmente o 100 % do crédito necesario senón unha cantidade próxima ao 80 %,, polo que os que non teñen quen os avale non piden as hipotecas. A Moncloa cre que o problema quedará mitigado por esta nova liña de axudas públicas.
O presidente dixo que a política de vivenda pasa por aumentar a oferta a través da construción de vivenda protexida, co obxectivo de que sexa polo menos o 20 % do parque de vivenda total.
"Cando a dereita fala de vivenda, fala de chan para especular e dun ben de luxo, nós queremos convertela nun dereito constitucional e nun ben de primeira necesidade", dixo o líder do PSOE.
Segundo informaron fontes do Goberno, os avais do 20 % das hipotecas para menores de 35 anos limítanse a ingresos individuais de ata 37.800 euros anuais ou o dobre se os adquirentes da vivenda son dous.
No caso de familias con menores a cargo non haberá límite de idade, pero si os mesmos límites de ingresos, aínda que haberá factores de mellora en función do número de fillos e incrementaranse no caso de familias monoparentais.
En abril Alberto Núñez Feijóo (PP) incluíu no seu plan alternativo ao do Executivo, un aval do 15 % asumido polo Estado para axudar aos mozos a pagar a entrada da casa. Nalgunhas comunidades do PP xa funcionan, como é o caso de Galicia, Madrid, Andalucía ou Murcia.
O PSOE acumula promesas sobre vivenda a piques de comezar a campaña electoral.
"Imos poñer todos os recursos ao servizo da vivenda, que é unha causa nacional" polas dificultades para acceder a este dereito polo aumento do prezo de compra e de alugueiro, dixo o presidente.
O dirixente socialista lembrou que o plan estatal impulsa a construción de 100.000 vivendas protexidas, o que permitirá un aumento do 50 % no próximos cinco anos, e sostivo que o aumento na oferta a través da vivenda protexida axudará a conter os prezos do mercado inmobiliario e á emancipación dos mozos.
O presidente lembrou que o Ministerio de Defensa vai ceder terreos para a construción de 20.000 vivendas protexidas, das que 300 estarán na illa de Tenerife, anunciou.
Sánchez dixo que as políticas do Goberno demostran que desde a socialdemocracia é compatible a orientación social co crecemento económico e mostrouse comprensivo con que na dereita estean "rabiosos" e recorran ao insulto, porque a súa alternativa son "os recortes e a precariedade" que practicaron desde 2012.
"Dixeron que iamos ter un outono quente polo descontento social e España é o país de Europa con maior paz social", afirmou Sánchez. Tamén dixeron que o aumento do salario mínimo ou a equiparación das pensións ao IPC ía reducir o emprego ou a poñer en perigo as pensións públicas e ocorreu o contrario, asegurou. "Estamos a demostrar que os socialistas gobernamos mellor a economía e as políticas sociais, e por iso están rabiosos", afirmou.
"Ser socialista é facer e non "desfacer, recortar, precarizar e inflixir dano social", como fai a dereita, dixo.
Tamén é "dignificar" a vida das persoas con políticas de pensións, de salario mínimo, de ingreso mínimo vital e cunha reforma laboral que consegue que un de cada dous contratos sexan indefinidos, expuxo.