O Goberno aproba a especialidade sanitaria de Urxencias e Emerxencias
O Goberno aproba a especialidade sanitaria de Urxencias e Emerxencias
O consello de Ministros deu luz verde a esta especialidade demandada desde hai anos pola comunidade médica
O Goberno aprobou este martes a nova especialidade sanitaria de Urxencias e Emerxencias, cuxa creación leva anos longamente demandada pola comunidade médica, sobre todo tras a emerxencia sanitaria pola pandemia.
Ademais de crear a nova especialidade, o decreto que contempla, por primeira vez, un período de formación común entre dúas titulacións, neste caso Urxencias e Emerxencias con Medicina de Familia, durante os dous primeiros anos de residencia.
O cal facilita a vía para que os profesionais dunha e outra especialidade obteñan a dobre titulación mediante unha pasarela formativa.
A portavoz do Goberno e ministra de Educación, Formación Profesional e Deportes, Pilar Alegría, aseguraba tras o anuncio na conferencia de prensa tras a reunión do Consello de Ministros que era un asunto "altamente demandado" por todos os profesionais sanitario.
"Esta a formación terá unha duración mínima de catro anos, os dous primeiros serán comúns á especialidade de Medicina de familia e Comunitaria, e a norma establece un procedemento para que os profesionais nunha das dúas especialidades poidan obter o título da outra mediante unha proba de avaliación e un período formativo", explicou.
Segundo datos do Informe do Ministerio de Sanidade Oferta-Necesidade de Especialistas Médicos 2021-2035, en España hai uns 14.000 urxenciólogos e entre 3.500 e 4.000 profesionais dos servizos de emerxencia.
O informe constata que a partir de 2028 os servizos de urxencias e emerxencias serán os máis envellecidos de España, cun 44 % de persoal con máis de 55 anos e un 14 % con máis de 65.
Con este fito, cúmprese unha reivindicación histórica, que se remonta a 1988, cando se creou a Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias (SEMES), e ponse fin a unha anomalía en relación con Europa, onde España e Portugal eran os únicos países sen este recoñecemento, celebrou o presidente da entidade, Tato Vázquez.
O real decreto é tamén "moi importante" para os profesionais de Atención Primaria, xa que o texto establece, por primeira vez, un período común de formación entre dúas especialidades, habilitando aos dunha e outra á obtención da dobre titulación.
"Non é unha formación compartida nun centro de saúde ou nun hospital, ten que ver coa adquisición común de competencias. "Un médico de familia debe saber facer unha exploración neurolóxica? Sen dúbida. Un médico de Urxencias, tamén", pero mentres o primeiro o vai aprender nun centro de saúde, o segundo farao no hospital. "Teñen que estar tranquilos porque seguirán formándose na súa especialidade", garante Vázquez.
Comunidades coma Galicia levaban tempo reclamando esta medida para poder planificar as demandas de persoal.
"Vai permitir saber a necesidade real de médicos de atención primaria que temos. Ata o de agora a maior pare derívanse a eses servizos de urxencias. Desta maneira saberemos a necesidade real", xustifica Antonio Gómez Caamaño, Conselleiro de Sanidade
Oferta completa de prazas MIR en 2026
O nacemento desta especialidade vai supoñer un "cambio substancial" nos servizos de urxencias porque permite planificar adecuadamente os recursos humanos para os servizos de urxencias e emerxencias e suplir as previsións de déficit, que se estiman ao redor de 2.000 profesionais en seis anos.
Segundo o último Informe Oferta-Necesidade de Especialistas Médicos do Ministerio de Sanidade, en 2030 o 50 % dos aproximadamente 10.000 urxenciólogos que hai en España terán máis de 50 anos, e o 20% máis de 60 o que supón que en cinco anos van xubilar uns 2.000.
Ademais, o informe sostén que os servizos en urxencias en 2028 serán os máis deficitarios de España e os urxenciólogos o colectivo máis envellecido.
A creación da especialidade perfílase así como a solución para reverter estes prognósticos.
Segundo estimacións de SEMES, requirirase a formación de 500 médicos ao ano na especialidade para paliar o déficit que se prevé en 2030, e que haxa recambio xeracional.
Ábrese aos urxenciólogos o espazo europeo
O real decreto tamén recolle a homologación dos urxenciólogos e afectará a uns 10.000, a condición de que traballasen catro anos nos servizos de urxencias e emerxencias dos últimos sete, a tempo completo. Se non chegan a eses catro anos, deberán facer unha proba obxectiva, segundo contempla o real decreto.
Outro dos beneficios da creación da especialidade é que se abre o espazo europeo para estes profesionais, que ata o de agora non podían traballar en servizos de urxencias da UE.
Vázquez tamén valora que o feito de ter residentes propios fai que a dinámica da formación e a investigación cambie radicalmente.