Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno cesa a directora do Instituto das Mulleres polos contratos dos Puntos Violeta da súa empresa familiar

O Goberno cesa a directora do Instituto das Mulleres polos contratos dos Puntos Violeta da súa empresa familiar

O cesamento prodúcese despois de que se fixese público que a empresa que García comparte coa súa muller recibiu 64 contratos de Puntos Violeta con concellos socialistas por valor de 250.000 euros

Imaxe de arquivo de Isabel García (Gustavo Valiente / Europa Press) Imaxe de arquivo de Isabel García (Gustavo Valiente / Europa Press)
G24.gal 23/07/2024 10:57

O Goberno cesou a Isabel García como directora do Instituto das Mulleres, días despois de que se fixese público que a empresa que comparte coa súa muller recibiu polo menos 64 contratos de Puntos Violeta con concellos do PSOE polos que facturaría ao redor de 250.000 euros. García será substituída por Cristina Hernández, cuxo nomeamento se aprobará este martes en Consello de Ministros.

O cesamento, confirmado por Isabel García na rede social X, prodúcese tras as críticas do socio de Goberno Sumar, que reclamou a súa dimisión. Con todo, a ministra de Igualdade, Ana Redondo, pediu "paciencia" á espera das explicacións por parte da directora do Instituto das Mulleres. Pola súa banda, Isabel García defendeuse en todo momento da acusacións ao asegurar cumprir "escrupulosamente" a lei.

"Teño a conciencia tranquila, a certeza de facer as cousas ben e síntome moi orgullosa do traballo que estamos a realizar no Instituto das Mulleres", argumentou en X García días antes do seu cesamento.

O nomeamento de Isabel García como nova directora do Instituto das Mulleres produciuse o 28 de decembro do ano pasado a pesar das críticas de colectivos trans e políticos de Sumar, Más Madrid ou Podemos que lle reprocharon os seus discursos "abertamente transfóbicos".

En concreto, denunciaron que García "mantivo discursos abertamente transfóbicos e antidereitos trans, durante a tramitación da lei trans" e indicaron: "Os recortes de dereitos trans levados a cabo por Ayuso, coa derrogación de aspectos fundamentais das leis trans e LGTBI da Comunidade de Madrid e os argumentos esgrimidos para iso, están nos mesmos marcos ideolóxicos que defende Isabel García".

A súa substituta no cargo será Cristina Hernández

A súa substituta no cargo será Cristina Hernández Martín (Ciudad Rodrigo, Salamanca, 1979), Licenciada en Socioloxía pola Universidade de Salamanca e Master of Arts (Refugee Studies Program) pola University of East London.

Especialista en políticas públicas de igualdade e violencia de xénero, traballou como asesora para ONG, entidades públicas e organizacións políticas e foi Profesora Asociada na Universidade de Salamanca, onde impartiu as materias de Socioloxía das Relacións de Xénero e Socioloxía dos Movementos Sociais.

De igual modo, foi responsable de Formación do Servizo 016 de Información e Asesoramento en materia de violencia de xénero. Tamén traballou como asesora en materia de igualdade para o Grupo Parlamentario Socialista e a Comisión Executiva Federal do PSOE. Na actualidade, traballaba como asesora no Gabinete do ministro da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos