O Goberno concretará o mes que vén cando chegarán a Galicia os trens Avril
O Goberno concretará o mes que vén cando chegarán a Galicia os trens Avril
O Goberno falará coa Comisión Europea para sumar máis espazos ao Corredor Atlántico
O secretario de Estado de Transportes di que o viaduto da A-6 en Pedrafita en sentido Madrid estará este ano
O secretario de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana David Lucas asegurou este venres en Lugo que a partir do "mes de abril" o Goberno poderá pórlle data á posta en funcionamento dos trens Avril de alta velocidade e de ancho variable fabricados por Talgo, que nestes momentos están en período de probas.
David Lucas, nunha conferencia de prensa celebrada en Lugo tras asinar o convenio co concello e coa Xunta para executar a estación intermodal da cidade, dixo: "Non quero aventurarme ata que se fagan todas as probas e todas as comprobacións".
Incorporar máis espazos ao Corredor Atlántico
O secretario de Estado tamén se comprometeu a que o Goberno falará coa Comisión Europea para "incorporar máis espazos" ao Corredor Atlántico de mercadorías.
Ao ser preguntado polas xestións do Goberno para incluír a Lugo nese corredor, Davíd Lucas dixo que Galicia é un elemento fundamental do mesmo, e que é obxectivo do Goberno “potencialo” e “reforzar o posicionamento da zona noroeste, coa meseta e con Portugal”.
Nese sentido, lembrou que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) “está a traballar” cun “posible financiamento europeo”, pero tamén con recursos propios do Goberno de España.
En relación coa incorporación da liña A Coruña-Lugo-Monforte, asegurou que o Goberno vai seguir “falando” coa Unión Europea. “Imos tentar falar coa Comisión Europea para incorporar máis espazos”, subliñou.
O viaduto do Castro en sentido Madrid, aberto este ano
Lucas tamén informou de que rematou a demolición do viaduto do Castro, no trazado da A-6 entre Pedrafita e a Veiga de Valcarce, en sentido Madrid e procederá de forma inmediata a facer o propio co taboleiro da ponte en dirección A Coruña.
Asegurou que está a traballarse coa maior présa posible, precisamente co obxectivo de restablecer o tráfico en condicións normais “no menor tempo posible”. Nese sentido, indicou que o viaduto en sentido Madrid quedará aberto este ano.
E reiterou que o Mitma traballa cos mesmos prazos e que a vía en sentido A Coruña estará lista o ano que vén.
A sinatura do convenio para o desenvolvemento da estación intermodal de Lugo deixa atrás os desencontros entre administracións. Cun presuposto próximo aos 50 millóns, se todo vai segundo o previsto as obras poderían comezar o ano que ven.
A fisiognomía do barrio da estación cambiará cando a nova intermodal sexa unha realidade. O convenio asinado entre Ministerio de Transportes, ADIF, Xunta e Concello suporá unha profunda transformación da paisaxe urbana. Haberá un edificio moderno, funcional e cómodo para os viaxeiros, pero, de momento, con escasas liñas ferroviarias.
O secretario de Estado e a presidenta do Adif afirman que, asemade, xa se traballa na electrificación da liña Ourense-Lugo e que o servizo ferroviario mellorará, sen concretar aínda que trens e que frecuencias haberá.
Está previsto que a terminal estea en servizo no verán do 2025.