O Goberno cre que a escalada en Oriente Próximo só pode frearse co recoñecemento do Estado palestino
O Goberno cre que a escalada en Oriente Próximo só pode frearse co recoñecemento do Estado palestino
O Goberno cre que a escalada en Oriente Próximo só pode frearse co recoñecemento do Estado palestino
Pedro Sánchez retoma esta semana a xira europea para impulsar un recoñecemento coordinado entre varios países
O PP considera que o presidente usa a política exterior para facer "propaganda propia"
Este xoves, o ministro de Exteriores defenderá ante o Consello de Seguridade da ONU a entrada de Palestina como membro de pleno dereito.
Pedro Sánchez tamén retoma a súa xira europea para que máis países recoñezan o Estado palestino. Eslovenia e Bélxica serán as próximas paradas.
O Goberno cre que é a única solución para frear a escalada de violencia. "A situación e os feitos deste fin de semana demóstrano inda máis", asegurou José Manuel Albares nunha entrevista en TVE. Para o ministro de Exteriores, "a situación é urxente, grave, e é necesario tomar esa decisión a curto prazo".
O socio da coalición, Sumar, mete aínda máis présa. Segundo o seu voceiro, Ernest Urtasun, "o risco de escalada bélica debe urxirnos a recoñecer o Estado palestino aínda máis á présa".
A Podemos non lle abonda, quere que España rompa xa relacións diplomáticas con Israel. "A embaixadora israelí en España debería estar fóra de España, debería estar expulsada deste país", afirmaba en conferencia de prensa o seu voceiro, Pablo Fernández.
Pola súa banda, PSOE e PP cruzan reproches. Para Esther Peña, voceira do PSOE, "todas as oposicións puxéronse detrás dos seus gobernos" salvo en España. Para a socialista, o PP non ten "nin diálogo, nin firmeza nin a seriedade" que ten que caracterizar a política exterior. "Semella que lle queda grande", concluíu.
Para Borja Sémper, voceiro do PP, "a política internacional é algo extraordinariamente serio que debe ser compartida co principal partido da oposición, e nada disto está sucedendo". Na súa opinión, "Pedro Sánchez está utilizando a política exterior para propaganda propia en lugar de defender a posición internacional dos españois".