Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno de Biden demanda a Apple por crear un monopolio no mercado da telefonía

O Goberno de Biden demanda a Apple por crear un monopolio no mercado da telefonía

G24.gal 21/03/2024 17:21 Última actualización 21/03/2024 17:32

O Goberno do presidente estadounidense, Joe Biden, presentou este xoves unha demanda contra Apple, alegando que o xigante tecnolóxico creou un monopolio no mercado dos teléfonos intelixentes co seu modelo iPhone.

A demanda, interposta nun tribunal federal en Nova Jersey, representa o primeiro grande esforzo antimonopolio contra Apple por parte da Administración de Biden.

"Os consumidores non deberían ter que pagar prezos máis altos porque as empresas violan as leis antimonopolio", afirmou o fiscal xeral, Merrick Garland, nun comunicado.

"Se isto non cambia, Apple seguirá fortalecendo o seu monopolio nos teléfonos intelixentes", engadiu.

Na demanda, interposta polo Departamento de Xustiza e 16 fiscais xerais dos estados, acúsase a Apple de restrinxir o acceso á tecnoloxía que usa para os iPhone de maneira que aumentan os custos para os consumidores e impídese a potenciais rivais lanzar outros teléfonos intelixentes.

O Departamento de Xustiza afirma que Apple usou o seu control sobre o iPhone para "participar nun tipo de conduta ilegal, de maneira ampla e sostida".

Entre outras cousas, a demanda alega que Apple impide o desenvolvemento exitoso das chamadas "superaplicacións" que permitirían aos consumidores cambiar de maneira máis fácil de teléfono intelixente.

Tamén se acusa a Apple de bloquear o desenvolvemento de aplicacións de 'streaming' que permitirían aos usuarios gozar de vídeo de alta calidade sen ter que pagar por máis espazo na nube ou hardware para que o teléfono poida soportalo.

O caso diríxese especificamente contra a fortaleza dixital que creou Apple non só con iPhone, senón tamén con outros produtos como iPad, Mac e Apple Watch para que os consumidores teñan que depender deses dispositivos e non poidan combinalos con outros produtos doutras compañías.

Apple, con sede en Cupertino (California), negou as acusacións e acusou o Goberno estadounidense de extralimitarse nas súas acusacións.

"Esta demanda ameaza o que somos e os principios que diferencian os produtos de Apple en mercados intensamente competitivos", defendeuse Apple, quen asegurou que se a demanda prospera sentará "un perigoso precedente", dando poder ao Goberno para intervir no deseño de tecnoloxía.

Con esta demanda, Apple únese á lista de xigantes tecnolóxicos contra os que emprendeu unha ofensiva o Goberno de Biden.

O Departamento de Xustiza xa demandou a Google por monopolizar os servizos de publicidade dixital e a Comisión Federal de Comercio ten un caso antimonopolio pendente contra a matriz de Facebook, Meta, e outro contra Amazon.

Apple é unha das empresas máis poderosas do mundo cuns ingresos anuais de case 400.000 millóns de dólares e, ata hai pouco, un valor de mercado de máis de tres billóns de dólares. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade