Publicador de contidos
Publicador de contidos

Bruxelas non aprecia infracción ambiental no proxecto de Altri en Palas

Bruxelas non aprecia infracción ambiental no proxecto de Altri en Palas

A Comisión Europea lembra que o Goberno debe velar polo cumprimento das normas, nunha resposta a unha pregunta formulada pola eurodeputada Ana Miranda

A Xunta agarda ter listo o informe ambiental do proxecto a comezos de 2025

Fábrica de Altri en Portugal Fábrica de Altri en Portugal
G24.gal 05/09/2024 13:12 Última actualización 05/09/2024 14:57

A Comisión Europea desvelou que coa información coa que conta sobre o proxecto de instalación dunha fábrica de celulosa e de fibras téxtiles en Palas de Rei por parte da empresa Altri non observa “ningunha infracción” da Directiva de Emisións Industriais (DEI) pero lembra que o Goberno debe velar polo cumprimento das normas.

“A información facilitada non permite á Comisión observar ningunha infracción da DEI ou da Directiva EIA nesta fase temperá do procedemento”, expón o vicepresidente executivo da Comisión Europea, Maroš Šefčovič, máximo responsable de Pacto Verde, nunha resposta a unha pregunta parlamentaria da eurodeputada do BNG, Ana Miranda.

Con todo, entende o vicepresidente executivo da CE, que “sen prexuízo do papel da Comisión como gardiá dos tratados, “o máis eficaz, polo menos nesta fase, sería expor a pregunta ás autoridades dos Estados membros”, que son as principais responsables de garantir o cumprimento do dereito da UE.

En todo caso, lembra na súa resposta que a Directiva sobre as emisións industriais referente á produción de pasta de papel e a de fibras a base de celulosa “esixe que o permiso de instalación inclúa os valores límite de emisión para as substancias contaminantes” (…) que “poidan ser emitidas en cantidade significativa pola instalación de que se trate, tendo en conta da súa natureza e potencial de traslados de contaminación dun medio a outro”.

Na súa pregunta, a europarlamentaria do BNG denunciaba a falta de avaliación das substancias contaminantes “no proxecto de macrocelulosa Altri”, ao entender que non se avaliou o conxunto das substancias contaminantes. 

Miranda informou de que a Comisión de Peticións da Eurocámara debaterá o próximo 3 de outubro as denuncias formuladas por diferentes plataformas contra o proxecto da multinacional. “Acabamos de conseguir que as demandas das plataformas contra Altri sexan tratadas polo procedemento de urxencia o próximo 3 de outubro no Parlamento Europeo”, precisou Ana Miranda despois da “reunión na que se decidiu a inclusión deste tema na orde do día”. 

Doutra banda, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, confirmou que a Xunta disporá do informe de impacto ambiental para a fábrica de Altri a principios de 2025 e tamén asegurou que analizará o informe do Consello da Cultura Galega (CCG) que considera inadecuado o proxecto exposto pola multinacional portuguesa polos insuficientes recursos, un cuestionable impacto socioeconómico e unha deficiente avaliación da súa repercusión.

A conselleira lembrou que o proceso de avaliación é longo e consta de 18 informes, dos que xa se foron coñecendo algúns que, polo momento, mostran que se cumpre cos parámetros esixidos, aínda que a Xunta propón á empresa “distintas accións que teñen que realizar para que o impacto sexa menor”.

Ata o momento transcenderon cinco informes.  O último foi elaborado pola Axencia Galega da Industria Forestal e conclúe que a comunidade dispón de masa de eucalipto suficiente para abastecer a fábrica de celulosa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade