Publicador de contidos
Publicador de contidos

A OPA de BBVA sobre o Banco Sabadell xa ten a aprobación do BCE

A OPA de BBVA sobre o Banco Sabadell xa ten a aprobación do BCE

O presidente de BBVA, Carlos Torres, di que este paso "é un fito moi relevante que subliña a solidez e solvencia deste proxecto"

Para que o procedemento continúe agora debe dar o seu visto e prace a CNMV, que valorará cuestións como a da competencia no mercado

Imaxe de arquivo Imaxe de arquivo
G24.gal 05/09/2024 18:53 Última actualización 05/09/2024 20:03

O Banco Central Europeo (BCE) notificou a BBVA a súa decisión de non oposición á toma de control de Banco Sabadell como resultado da oferta pública de adquisición (OPA) que expuxo, segundo informou á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).

A non oposición por parte de Frankfurt era un dos fitos que tiña que lograr BBVA para poder executar a OPA. Esta mesma semana tamén recibiu o visto e prace dos reguladores británicos do seu control indirecto de TSB, que é filial de Sabadell.

"Recibimos o visto e prace do Banco Central Europeo á nosa oferta aos accionistas de Banco Sabadell. É un fito moi relevante que subliña, ademais, a solidez e solvencia deste proxecto", indicou o presidente de BBVA, Carlos Torres, nun comunicado.

"A unión de Banco Sabadell e BBVA crea unha entidade máis forte e rendible, que terá unha capacidade adicional de concesión de crédito a familias e empresas de 5.000 millóns de euros ao ano. Esperamos recibir o resto de autorizacións segundo o calendario previsto e avanzar no proxecto máis atractivo da banca europea", proseguiu Torres.

A 'luz verde' do BCE era algo esperado polo mercado, xa que o seu exame céntrase en criterios de solvencia e prudenciais. En concreto, o banco central examiniou se o proxecto presentado por BBVA terá os niveis de capital e liquidez adecuados e se poderá mantelos ao longo do tempo.

Tamén examinou o modelo de gobernanza e a capacidade para xerar beneficios.

Fóra do exame do BCE quedaron outras cuestións como o nivel de competencia do mercado bancario, que será algo que teña en conta a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) na súa análise. Esta valoración podería implicar compromisos ou condicións que BBVA tería que asumir en caso de querer realizar a fusión con Sabadell.

Así mesmo, o Goberno tamén pode intervir no proceso valorando outras cuestións diferentes á competencia, como o interese xeral, e impoñendo condicións adicionais.

Teoricamente, coa aprobación do BCE, a CNMV xa podería aprobar a OPA e permitir a BBVA que abra o período de aceptación, que podería estenderse de 15 a 70 días. Con todo, o procedemento habitual na práctica é que a aprobación da CNMV sobre a OPA non se produza antes do ditame da CNMC sobre a fusión.

En todo caso, se a aprobación da CNMV chega antes, o banco pode abrir o período de aceptación sen necesidade de contar co visto e prace da CNMC, pero o organismo que preside Cani Fernández condiciona a eficacia da operación, posto que a intención de BBVA é adquirir o 100% de Sabadell e fusionar ambas as entidades.

BBVA lanzou o pasado mes de maio unha OPA hostil sobre o 100% das accións de Banco Sabadell tras o rexeitamento desta entidade a unha proposta de carácter amigable. O banco estimaba cando anunciou a operación que todo o proceso ata obter todas as autorizacións levaría entre seis e oito meses e que a CNMC tardía entre cinco e seis meses.

A entidade ofrece aos accionistas de Sabadell un troco dun título novo por cada 4,83 títulos do Sabadell. Desde que anunciou a OPA, BBVA recibiu o visto e prace á operación por parte das autoridades de competencia de varios países onde Banco Sabadell ten presenza (Estados Unidos, Francia, Portugal e Marrocos).

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade