O Goberno dos Países Baixos quere sacar os teléfonos móbiles das aulas
O Goberno dos Países Baixos quere sacar os teléfonos móbiles das aulas
Emite unha directiva para evitar o seu uso e deixa aos colexios a decisión final sobre a súa completa prohibición
Os estudos indican que os teléfonos intelixentes son altamente adictivos e os rapaces que os usan moito sacan notas máis baixas
O Goberno neerlandés emitiu unha directiva nacional para as escolas dos Países Baixos para que os estudantes non leven ás aulas o teléfono móbil, a tableta ou os reloxos intelixentes, a menos que sexan necesarios para o contido da lección, porque “distraen e fan que os alumnos rendan peor”.
A medida entra en vigor o vindeiro un de xaneiro. Acordouse entre o Ministerio de Educación, os consellos sectoriais, asociacións educativas e representantes de pais.
Trátase dunha directiva nacional, pero non dunha prohibición a través dunha lexislación, polo que depende das propias escolas acordar as regras exactas cos profesores, pais e alumnos para que todos no colexio saiban exactamente que se permite e que non, aínda que o centro educativo pode tomar a súa propia decisión de prohibir completamente os móbiles.
Os estudantes que dependen do seu teléfono por razóns médicas ou debido a unha discapacidade poden usalo, e faranse acordos axustados para os centros que ofrecen unha educación especial.
O ministro de Educación, Ciencia e Cultura, Robbert Dijkgraaf, dixo que os teléfonos “están case entrelazados coas nosas vidas, pero o seu lugar non está nas aulas”.
Engadiu que os estudantes “deben poder concentrarse e ter todas as oportunidades para aprender ben”.
Segundo os informes científicos, os teléfonos intelixentes son “altamente adictivos” para os mozos, e os estudantes que pasan un tempo excesivo no seu teléfono obteñen cualificacións de ata 1,5 puntos menos.
En setembro, os profesores, estudantes e pais discutirán as regras, de tal maneira que xa haxa unhas normas definidas antes do 1 de xaneiro de 2024.
A idea é que, ao finalizar o próximo curso escolar, se poida avaliar o efecto real desta directiva e, se é necesario, recorrer a unha prohibición legal a nivel nacional, que require de trámites máis lentos.