Caballero en Vigo e Varela en Ferrol, únicas maiorías absolutas segundo unha enquisa da Voz
Caballero en Vigo e Varela en Ferrol, únicas maiorías absolutas segundo unha enquisa da Voz
A sondaxe realizada a cinco meses das municipais estima que o PSdeG podería manter Vigo, A Coruña, Lugo e Santiago, o BNG continuar en Pontevedra e o PP recuperar Ferrol
Catro das grandes cidades a "expensas duns poucos votos", conforme o estudo electoral
A enquisa apunta a que Abel Caballero repetiría maioría absoluta en Vigo, con 20 dos 27 concelleiros da corporación, pero 3 puntos menos ca en 2019. O PP -con Marta Fernández Tapias- e o BNG medran en intención en intención de voto. Pola contra, a Marea de Vigo perdería un dos dous concelleiros que ten agora.
A outra maioría absoluta que se perfila é a de Ferrol. O popular José Manuel Rey Varela conseguiría un 44% dos votos, o que se traduciría en 13 edís. O PSOE do actual rexedor Angel Mato perde un concelleiro. Tamén cede terreo Ferrol en Común e medra, en cambio, o BNG.
A sondaxe apunta a escenarios máis abertos noutras cidades. É o caso de Santiago, onde se estreitan moito as diferenzas. O actual alcalde, o socialista Xosé Sánchez Bugallo, acusa o desgaste e perdería 2 dos concelleiros que ten agora. Quedaría en 8, os mesmos có PP, pero o PSOE podería sumar maioría co BNG, que melloraría os seus resultados de 2019; o contrario que Compostela Aberta.
A enquisa tamén apunta á posibilidade dun acordo de esquerdas na Coruña. PP e PSOE empatarían en número de concelleiros, coa rexedora Inés Rey lixeiramente por diante en intención de voto. Ós socialistas daríanlles as contas para pactar co Bloque, pero non coa Marea que perdería a metade dos edís que ten agora.
Tamén se podería reeditar o actual bipartito en Pontevedra, neste caso co BNG liderando o goberno. O nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores conseguiría 11 concelleiros, un máis có PP que melloraría os resultados que colleitou no 2019.
En Lugo tamén os populares melloran resultados. Quedarían a un edil da maioría absoluta. A candidata Elena Candia estaría preto do 40% dos votos, con 4 concelleiros máis ca alcaldesa Lara Méndez que en todo caso podería repetir bipartito co Bloque.
Onde a sondaxe debuxa un escenario máis aberto é en Ourense. Co PP lixeiramente por diante do PSOE, pero ambas forzas co mesmo número de edís: 9 nunha corporación de 27. O actual rexedor, Pérez Jácome, perdería un, pero aínda así conservaría 6 concelleiros. E o BNG tería 3.