Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno licita estudo previo para a conexión ferroviaria entre Lugo e Santiago

O Goberno licita estudo previo para a conexión ferroviaria entre Lugo e Santiago

O futuro trazado está por definir, pero deberá servir para conectar nalgún punto a liña do tren que vai de Lugo á Coruña coa do Eixo Atlántico que comunica A Coruña co sur de Galicia

G24.gal 26/08/2024 13:12

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible licitou por 423.500 euros, IVE incluído, a redacción do estudo de viabilidade para mellorar a conexión ferroviaria entre Lugo e Santiago de Compostela.

O obxectivo deste estudo de viabilidade será a “definición dun novo trazado ferroviario coas máximas prestacións posibles” que permita “renovar e modernizar a conexión actual” entre ambas as cidades, o que, á súa vez, “contribuirá a unha conexión ferroviaria máis eficaz entre Lugo e as principais urbes galegas da cornixa atlántica”.

Os traballos correspondentes a este estudo desenvolveranse en dúas fases. Na primeira, desenvolverase “un estudo de mobilidade no ámbito da cidade de Lugo que permita estimar e caracterizar os fluxos de viaxeiros con orixe ou destino á cidade e a súa contorna de influencia”, determinando así as “necesidades da poboación, as posibilidades de potenciación da mobilidade e a demanda existente de novos servizos de transporte”.

Na segunda, caracterizarase o novo trazado, que “constará dunha nova variante entre a liña León-A Coruña e o Eixo Atlántico de Alta Velocidade”, así como dos “necesarios traballos de acondicionamento e mellora das prestacións da liña existente” ata alcanzar esta nova variante.

Así as cousas, ese futuro trazado está aínda por definir, pero segundo as propostas feitas desde distintas instancias, esa conexión podería situarse á altura de Curtis-Ordes, sendo unha área próxima entre as dúas liñas que hai que conectar.

Posteriormente, analizarase a “conveniencia das alternativas propostas, debendo realizarse un estudo de rendibilidade socioeconómica, tendo en conta a demanda e os tempos de viaxe previstos”.

O estudo de viabilidade forma parte do plan do Ministerio de avanzar e reforzar o proceso de modernización que experimentou a rede ferroviaria galega nos últimos 20 anos.

A rede contaba, en moitos casos, destaca o Ministerio, con trazados centenarios que impedían o desenvolvemento de conexións eficaces e provocaban unha baixa competitividade do ferrocarril respecto a outros medios de transporte menos eficientes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade