O Goberno prohibirá contratar luz e gas por teléfono, salvo iniciativa do cliente
O Goberno prohibirá contratar luz e gas por teléfono, salvo iniciativa do cliente
A medida está en trámite de audiencia pública e haberá que esperar previsiblemente uns meses para que a norma se faga efectiva
Foi moi ben recibida polas organizacións de consumidores
Evitar a fraude mediante a contratación por teléfono da subministración de gas e de electricidade e loitar contra os abusos das compañías son os obxectivos
O Goberno prohibirá ás compañías que comercializan enerxía facer contratos cos consumidores por teléfono. So haberá unha excepción, que os usuarios pidan expresamente cambiar o contrato de electricidade ou de gas e que a chamada sexa a iniciativa do propio cliente.
Esta medida, que está aínda en fase de alegacións, foi moi ben recibida polas organizacións de consumidores.
Evitar a fraude mediante a contratación por teléfono da subministración de gas e de electricidade e loitar contra os abusos das compañías que comercializan enerxía son os obxectivos desta medida posta en marcha polo Goberno. Aínda está en trámite de audiencia pública e haberá que esperar previsiblemente uns meses para que a norma se faga efectiva.
"En concreto, o artigo 13 o que inclúe é a obriga de que eses contratos se normalicen por escrito, salvando a posibilidade de que sexa doutro modo sempre que así o especifique o consumidor", di Rocío Arnoso, presidenta da Unión de Consumidores de Galicia.
A maioría das reclamacións nestes casos veñen derivadas de chamadas telefónicas enganosas, que poden acabar xerando contratacións máis prexudiciais para os consumidores e sen un consentimento informado.
"O que estamos pedindo non dinamiza tanto o mercado, non é o mesmo unha chamada telefónica que unha burocracia en papel pero si que outorga unha seguridade que nestes tempos é máis que necesaria", engadiu.
Esta medida do Goberno provén dunha petición expresa emitida pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia polo aumento exponencial das queixas dos consumidores.
E mentres a norma non se pon en marcha, desde a Unión de Consumidores de Galicia recomendan ser cautos á hora de ser tentados por determinadas ofertas a través do teléfono.