O incendio dun transformador eléctrico provoca o bloqueo de varios ascensores con xente atrapada na Gran Vía de Vigo
O incendio dun transformador eléctrico provoca o bloqueo de varios ascensores con xente atrapada na Gran Vía de Vigo
O incendio dun transformador eléctrico provoca o bloqueo de varios ascensores con xente atrapada na Gran Vía de Vigo
Segundo os veciños, ecoitáronse uns fortes estoupidos e a continuación comezou a saír moito fume do subsolo
Os servizos sanitarios foron alertados porque, nun dos casos, unha persoa maior comezara a sufrir taquicardia, e noutra das emerxencias a persoa atrapada deixara de falar dende o ascensor
O incendio nun transformador provocou a alarma á primeira hora desta mañá no centro de Vigo. Ocorreu na Gran Vía e xerou un apagón en todo o contorno. Sucedeu sobre as 7 e media da mañá á altura do número 82 da Gran Vía.
Segundo os veciños, ecoitáronse uns fortes estouridos e a continuación comezou a saír moito fume do subsolo, polo que alertaron inmediatamente os servizos de emerxencias. O problema foi o incendio dun transformador soterrado, que comezou a arder con intensidade.
Ata o lugar trasladáronse a Policía Local, que precintou a zona para evitar riscos, e os bombeiros de Vigo que tardaron máis dunha hora en sufocar as lapas. Como consecuencia deste lume toda a contorna sufriu un corte de electricidade. Farois e semáforos apagados, polo que se complicou a circulación na zona.
Ademais moitas persoas que nese momento empregaban os ascensores quedaron atrapadas e os negocios non puideron abrir con normalidade. Arestora a situación está controlada. Xa non hai lume e os operarios están a traballar para arranxar o transformador e poder recuperar a subministración eléctrica.
Atrapados nos ascensores
Segundo informou o CIAE 112 Galicia, os avisos chegaron entre as 7:30 e as 8:00 horas da mañá, desde puntos próximos á Gran Vía, como as rúas Barcelona, Zamora, ou María Berdiales, onde se bloquearon varios ascensores. Nalgún dos casos solicitábase asistencia médica porque algúns afectados comezaran a sentirse mal e, entre as persoas atrapadas, tamén había un equipo médico do 061 que acudía un domicilio para atender unha emerxencia.
Os servizos sanitarios foron alertados porque, nun dos casos, unha persoa maior comeara a sufrir taquicardia, e noutra das emerxencias, a persoa atrapada deixara de falar dende o ascensor.
Nun ascensor dun edificio da rúa María Berdiales quedou atrapado un equipo médico que acudiu a atender unha situación urxente a un domicilio. Nese caso tiveron que ser substituídos por outro equipo en UVI móbil para poder realizar ese servizo urxente.