Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno reitera que os trens Avril chegarán no verán e a Xunta pide concreción

O Goberno reitera que os trens Avril chegarán no verán e a Xunta pide concreción

"Este compromiso mantívose e non hai cambios", di a Raquel Sánchez, ministra de Transportes

"Vemos que a historia se repite e esperamos que non se volvan dar vaivéns nas datas e nos compromisos", manifesta a conselleira Ethel Vázquez

G24.gal 11/03/2022 13:20

O Goberno insiste en que mantén os plans e compromisos para a chegada da alta velocidade a Galicia. Asegurouno este venres en Vigo a ministra de Transportes, Raquel Sánchez, sen entrar a detallar prazos concretos.

Raquel Sánchez, asegurou que o Goberno mantén os prazos de que os trens Avril chegarán a Vigo este verán, o que permitirá acurtar nuns 20 minutos o tempo de viaxe ata Madrid. 

"Este compromiso mantívose e non hai cambios", reivindicou a titular de Transportes, quen tamén falou da variante por Cerdedo da AVE a Vigo, que permitiría seguir reducindo o tempo da viaxe á capital española en alta velocidade, ao non ter que pasar por Santiago de Compostela.  

Sobre isto, explicou que tamén este verán prevese que estea terminado o estudo hidroxeolóxico da variante por Cerdedo, o que permitirá definir cal será o trazado. Unha vez se teña ese documento, realizarase o estudo informativo correspondente e someterase a información pública.

Preguntada pola saída sur de Vigo, dixo que se está traballando en coordinación co Goberno portugués e iniciouse a redacción do proxecto. Ademais, reivindicou que o Goberno defendeu que a conexión Vigo-O Porto incluísese na rede europea de transportes, que foi incluída na rede básica estendida, o cal é unha "boa noticia".  

A Xunta pide concreción

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, considerou necesario que a ministra de Transportes concrete a chegada da alta velocidade a todas as cidades galegas logo da posta en marcha do AVE que une Madrid e Ourense.  

Ethel Vázquez di que o executivo vai estar vixilante para esixir que se cumpran os prazos na chegada da alta velocidade. "Vemos que a historia se repite e esperamos que non se volvan a dar vaivéns nas datas e nos compromisos", sostivo a conselleira ao ser preguntada nunha conferencia de prensa por unha resposta parlamentaria en que o Goberno situou o cumprimento dos tempos comprometidos en 2018 coa finalización da variante de Ourense e non coa chegada dos trens Avril.

Respecto diso, na xornada na que a ministra visita Galicia, a conselleira sostivo que as últimas noticias en relación á alta velocidade galega sinalan que "a historia se repite" e non hai "concreción sobre cando chegará a alta velocidade ao resto de cidades galegas".  

"A través dunha resposta no Congreso dos Deputados observamos que este ano 2022 a alta velocidade ao resto das cidades galegas non vai chegar cos tempos competitivos e comprometidos como se nos dixo. A historia repítese e vemos de novo vaivéns nos prazos da chegada da alta velocidade galega ao resto de cidades unha vez chegou o pasado 21 de decembro a Ourense", sinalou.  

Así as cousas, Ethel Vázquez asegurou que, "a día de hoxe" o Goberno galego "está preocupado" porque se "descoñecen" as previsións por parte do Goberno de España da chegada dos trens Avril necesarios para reducir un tempo de viaxe de 20 minutos".  

A conselleira asegurou que tamén se "descoñecen" os prazos para a finalización da variante de Ourense, para a reformulación da praia de vías e para a instalación de intercambiadores.  

"Tamén descoñecemos se nos van recibir ou non para abordar a comisión técnica do cambio de vía na rede interna galega", engadiu para pedir á ministra que "concrete a chegada da alta velocidade ao resto das cidades galegas nos tempos comprometidos e competitivos".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade