O Goberno reúnese con xuíces e fiscais para negociar unha suba salarial que evite a folga
O Goberno reúnese con xuíces e fiscais para negociar unha suba salarial que evite a folga
O CXPX apoia as demandas dos maxistrados, que denuncian unha perda de poder adquisitivo dende 2009
De seguir adiante a convocatoria do 16 de maio, sería a terceira folga da xustiza en tres meses
Xuíces e fiscais reúnense cos representantes dos ministerios de Xustiza e Facenda na chamada Mesa de Retribucións co obxectivo de negociar unha actualización salarial. Esta é a principal demanda dos maxistrados, que denuncian que levan 14 anos perdendo poder adquisitivo. Piden tamén máis medios para abordar a sobrecarga de traballo.
A presidenta da Asociación Profesional da Maxistratura pide "recuperar polo menos en parte o noso poder adquisitivo, porque levamos dende 2009 sen recuperalo. E somos o corpo da administración de xustiza que maior baixada de salario sofrimos en 2010".
O presidente da Asociación Profesional e Independente de Fiscais engade un dato: "En España hai a metade aproximadamente de xuíces e fiscais por 100.00 habitantes que hai en Europa. E non é que litiguemos a metade, litigamos o mesmo, ou máis".
Tamén asisten á reunión no Ministerio tres representantes do Consello Xeral do Poder Xudicial, que coincide na necesidade de actualizar as retribucións e propón que os xuíces non perdan salario se finalmente hai folga xeral a partir do 16 de maio.
Está convocada por cinco asociacións de xuíces e fiscais. Outras do sector progresista comparten o diagnóstico pero non se suman polo momento á convocatoria.
De manterse, sería a terceira folga da Xustiza no que vai de ano. Os letrados desta administración, que agora apoian as reclamacións dos xuíces, pararon dous meses ata lograr unha suba salarial de 450 euros mensuais.
Resolto ese conflito foron os funcionarios de xustiza os que comezaron hai dúas semanas unha folga indefinida coa mesma demanda. Tamén os avogados da quenda de oficio e os técnicos forenses amezan con mobilizacións para esixir melloras laborais.