O Goberno sobe tres décimas, ao 2,7 %, a previsión de crecemento do PIB en 2024
O Goberno sobe tres décimas, ao 2,7 %, a previsión de crecemento do PIB en 2024
O Executivo "vai en liña co que están a facer o resto de expertos", asegurou o ministro de Economía Carlos Cuerpo, quen defende que a evolución da economía española é "sólida" cun crecemento "máis forte, máis equilibrado e máis responsable"
O Goberno abre a porta a unha nova prórroga dos presupostos ante a falta de apoios
O ministro de Economía, Comercio e Empresa, Carlos Cuerpo, tal e como avanzara este luns, levou ao Consello de Ministros unha actualización do cadro macroeconómico a tres anos que inclúe unha revisión de tres décimas á alza do crecemento previsto para 2024, que pasa do 2,4 ao 2,7 %.
O ministro explicou que o Goberno "vai en liña co que están a facer o resto de expertos", que están a elevar as súas previsións de crecemento para a economía española. Cuerrpo, explicou que estas novas estimacións recollen a "sólida" evolución da economía española que rexistra un crecemento "máis forte, máis equilibrado e máis responsable".
A semana pasada foi o Banco de España o que subía medio punto a súa previsión de crecemento da economía española en 2024, do 2,3 ao 2,8 %. Antes do verán, outros organismos de estudo, españois e internacionais, tamén corrixiran as súas previsións ata deixalas ao redor do 2,5 % de crecemento.
A actualización inclúe tamén unha revisión á alza do crecemento previsto para 2025 e 2026, que agora mesmo se sitúa no 2,2 e no 2 %, respectivamente.
A revisión do Goberno chega unha semana despois de que o Instituto Nacional de Estatística (INE) revisase á alza o crecemento económico dos tres últimos exercicios, ata o 2,7 % en 2023 (2 décimas máis), o 6,2 % en 2022 (4 décimas máis) e o 6,7 % en 2021 (3 décimas máis).
Esta revisión tamén ten impacto na cociente de débeda pública sobre PIB, segundo resaltou o ministro, pois, cos novos datos, a economía española alcanzaría xa, no ano 2023, o obxectivo que se previu para 2024 de chegar ao 105 % de débeda sobre o PIB, adiantándose así un exercicio.
Segundo Economía, o consumo privado será un dos principais motores do crecemento, con avances da contorna do 2 % ao longo de todo o período, grazas ao "bo comportamento" do mercado laboral. En concreto, estímase que o consumo privado aumentará un 2,2 % este ano, un 2,1 % en 2025 e un 2 % en 2026.
No que respecta ao gasto público, o novo escenario macro apunta a que se incrementará un 1,8 % este ano e un 1,6 % tanto en 2025 como en 2026, lonxe do avance do 5,2 % rexistrado en 2023.
De feito, o Goberno estima que se crearán arredor de 500.000 empregos ao ano, superaranse os 22 millóns de ocupados en 2025 e a taxa de paro seguirá baixando, ata situarse no 11,2 % en 2024, o 10,2 % en 2025 e o 9,7 % en 2026, taxas moi similares ás comunicadas o pasado mes de xullo.
O aumento da ocupación previsto polo Goberno será do 2,6 % este ano, do 2,5 % en 2025 e do 2,2 % en 2026. Este crecemento, explicou o Ministerio, virá acompañado dunha mellora da produtividade por hora todos os anos, e do aumento da remuneración por asalariado, que crecerá por encima da inflación.
Así mesmo, o Goberno revisou á alza o crecemento do investimento, como reflexo do impulso e achega positiva do Plan de Recuperación. Así, estima agora que o investimento aumentará un 3,3 % en 2024, un 5,8 % en 2025 e un 4,9 % en 2026.
Ao mesmo tempo, o Executivo prevé que se manteña o dinamismo do sector exterior polo ton positivo das exportacións, que avanzarán un 4,2 % en 2024 para moderar despois o seu ritmo de crecemento ata o 2,4 % en 2025 e ata o 2,3 % en 2026. As importacións, pola súa banda, incrementaranse un 2,6 % este ano e acelerarán o seu crecemento ao 3,6 % en 2025, mentres que en 2026 subirán algo menos, un 3,1 %.
Así, o Goberno calcula que a demanda nacional achegará dous puntos ao crecemento do PIB de 2024, mentres que a externa contribuirá con sete décimas. No caso de 2025, todo o crecemento apoiarase na demanda interna, pois o sector exterior restará tres décimas ao PIB, e o mesmo en 2026, cando a demanda externa terá unha contribución negativa de dúas décimas.
"Empezamos 2024 co mantemento do bo pulso económico que xa levabamos en 2023, con boas noticias económicas que fan que nós, pero o conxunto de analistas, esteamos a actualizar as nosas previsións á alza. E o que prevemos, máis aló do 2024, é que sigamos crecendo cara a adiante", destacou Carlos Cuerpo.