O Goberno volverá reunirse este mércores coas organizacións agrarias
O Goberno volverá reunirse este mércores coas organizacións agrarias
A Xunta ve "claramente insuficiente" a postura de Bruxelas sobre o agro e pide "moita máis ambición"
O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación convocou unha nova reunión coas organizacións profesionais agrarias Asaja, COAG e UPA, segundo confirmaron a EFE fontes do sector.
A cita, axendada para mañá mércores ás 11:00, prodúcese despois da xuntanza que mantiveron onte en Bruxelas os ministros do ramo, na que os países urxiron a Comisión Europea a tomar medidas para aliviar a crise do campo que desatou unha onda de protestas.
En España, o Goberno xa presentou ás organizacións agrarias representativas un plan de choque con 18 medidas para o campo, entre elas a voluntariedade do caderno dixital, que por agora non serviu para aplacar as protestas. De feito, un cento de tractores e milleiros de agricultores protestaron onte no centro de Madrid -convocados por Asaja, COAG e UPA-, e desde onte á noite hai cortes na autoestrada por Francia por unha mobilización da catalá Uniu de Pagesos.
A Xunta ve "claramente insuficiente" a postura de Bruxelas
O conselleiro do Medio Rural, José González, ve "claramente insuficiente" o debate aberto en Bruxelas para flexibilizar a Política Agraria Común (PAC) e de propostas para o agro, polo que pide que "Europa ten que ter moita máis ambición e sobre todo moita máis concreción nas medidas propostas".
"Escoitamos palabras, boas intencións, pero demandamos que haxa acordos, non vemos ningún tipo de acordo, ningún cambio normativo, non vemos un cronograma de cando se van aplicar esas medidas, esas flexibilidades", expón despois da reunión dos 27 ministros de Agricultura celebrada o pasado luns.
"Onte non vimos que se falase da cuestión das cláusulas espello, do principio de reciprocidade nos tratados internacionais con terceiros países, non vimos que se falase de cuestións que preocupan moito en Galicia como pode ser o caderno dixital, a súa voluntariedade, o veterinario en explotación, a necesaria adaptación dos ecorréximes no noso territorio", expón.
Ao mesmo tempo, incide en que "non pode ser que se faga en Bruxelas unha lexislación que se aplique igual nos Países Baixos que en rexións coma esta", por iso, demanda "flexibilidade".