Prisión provisional sen fianza para o home detido polo crime de Samos
Prisión provisional sen fianza para o home detido polo crime de Samos
Está a ser investigado por un delito de asasinato e outro de homicidio en grao de tentativa
A versión do sospeitoso é que se produciu unha liorta e actuou en defensa propia
A xuíza do Xulgado de Instrución número 1 de Sarria decretou a prisión provisional, comunicada e sen fianza do detido polo crime de Sarria. O home, de 49 anos, enfróntase a un delito de asasinato e outro de homicidio en grao de tentativa.
Case 48 horas despois do seu arresto, o presunto homicida pasou a disposición xudicial e, segundo informa o avogado da acusación particular, Manuel Martín, negou os feitos e só contestou á maxistrada e ao seu letrado.
"Fixo unha serie de manifestacións que son totalmente contrapostas ao que manifestaron outras testemuñas presenciais dos feitos", asegurou.
Liorta entre as partes
O avogado da defensa, Carlos Álvarez, asegura que o seu cliente non negou os feitos. Segundo a súa versión, "houbo unha liorta" polas malas relacións entre as familias e no forcexo "arrebatoulle a arma á outra parte", unha navalla que aínda non apareceu.
"Segundo as circunstancias imos aplicar unha lexítima defensa porque o meu cliente tamén ten varios golpes", dixo.
Insiste en que a navalla "non a levaba" o detido que, de acordo co letrado, está moi afectado polo sucedido. Tamén alega que actuou en defensa propia.
Tamén confirma que as desavinzas entre vítimas e agresor viñan de lonxe por unha cuestión de lindes. De feito, hai sentenzas, a favor de ambas as dúas partes, por ameazas, danos ou lesións.
Rexistro domiciliario
Durante o rexistro domiciliario do venres o home acollérase ao dereito de non declarar e, segundo transcendeu, tampouco colaborou para dar coa arma branca que utilizaría para acoitelar a Manuel López, de 82 anos, e a súa dona, Consuelo Ánguez, de 73.
A muller segue ingresada no Hospital Universitario Lucus Augusti pero fóra de perigo, despois de ser auxiliada por un veciño que veraneaba na aldea e que acudiu ao escoitar os berros.
O funeral pola vítima mortal celebrouse o sábado á tarde durante unha xornada de loito oficial no concello. A investigación continúa despois de que axentes da Policía Xudicial inspeccionaran o lugar do crime e a casa e os alpendres do agresor.