O incendio da nave industrial de Tomiño está controlado pero non extinguido completamente
O incendio da nave industrial de Tomiño está controlado pero non extinguido completamente
O incendio da nave industrial de Tomiño está controlado despois de case 24 horas. O Plan Territorial de Emerxencias de Galicia queda xa desactivado.
A Xunta desactivou ese plan, o PLATERGA a pasada media noite, ao mesmo tempo que se retiraron os equipos de intervención galegos e portugueses.
O incendio está controlado pero non completamente extinguido. Aquí continúa vixiando Protección Civil en contacto co GES da Guarda que durante a mañá seguiu refrescando a nave con auga controlando algún pequeno foco.
A nave principal de Suministros Hortícolas Bacelo, onde gardaban os produtos fitosanitarios, os substratos e fertilizantes, dunha parte, e da outra o material de oficina, papel e ordenadores, está case calcinada.
Nas próximas horas achegaranse ata aquí, ao lugar de Carregal de Arriba, en Amorín, o equipo de investigadores de incendios do Grupo de Criminalística, desde A Coruña.
A investigación en curso dirá cal foi a causa deste lume que onte provocou unha gran columna de fume e que mantivo cortada a estrada PO-552 ao seu paso por Carregal.
Manuel, o dono de Suministros Bacelo, unha empresa que leva máis de trinta anos vendendo produtos hortícolas en Galicia e no norte de Portugal, moi afectado pola perda, cóntanos que antes de que os bombeiros os desaloxaran da nave conseguiron salvar os ordenadores e algúns produtos.
Preto das catro da tarde alertaron ao 112 e en pouco máis dunha hora o fume era visible en toda a comarca. Bombeiros do Baixo Miño, Morrazo, Sanés, Caminha , Valença e o GES da Guarda e Mos , do servizo de extincións da Xunta, traballaron na nave onde os produtos fitosanitarios, fertilizantes e caixas de plástico ardían sen control.
Tal era a fumareda que a PO-552 quedou cortada. Un bombeiro resultou ferido leve. Preto das doce da noite o incendio quedou controlado. O GES da Guarda permaneceu na nave ata as seis da mañá deste domingo. Protección Civil, en contacto con eles, seguiu vixiando toda a mañá.
"Os fertilizantes adoitan seguir ardendo e mantense latente, pero nun principio debería extinguirse por el mesmo. Estamos vixiando o incendio por se volvera rebrotar. Se o fixese, daríamoslle aviso ao GES, eles virían e arrefriarían a zona", conta a TVG Brian Piñeiro, voluntario de Protección Civil en Tomiño.
Este domingo a familia dos propietarios e algún empregado, son dez, traballaban nun dos viveiros acomodando algúns dos obxectos recuperados da nave que ardeu. A investigación en curso dirá cales foron as causas do lume.