Publicador de contidos
Publicador de contidos

O independentismo entra a formar parte da Comisión de Segredos Oficiais

O independentismo entra a formar parte da Comisión de Segredos Oficiais

EH Bildu, ERC, JxCat e a CUP poden entrar na comisión tras rebaixarse a maioría necesaria para escoller os seus membros

Os independentistas piden unha comisión de investigación pola suposta espionaxe

Mertxe Aizpurua, voceira de Bildu, entrega o seu voto para a comisión de segredos oficiais á presidenta do Congreso Meritxell Batet. EFE/Mariscal Mertxe Aizpurua, voceira de Bildu, entrega o seu voto para a comisión de segredos oficiais á presidenta do Congreso Meritxell Batet. EFE/Mariscal
G24.gal 28/04/2022 17:49

O Congreso constituíu este xoves a Comisión de Segredos Oficiais, da que pasaron a formar parte deputados de EH Bildu, ERC, JxCat e a CUP, tras a rebaixa da maioría necesaria —de tres quintos a absoluta— para elixir os seus membros, polo que o rexeitamento de PP e Vox, e a marcha en sinal de protesta de Cs non impediu incluír os independentistas.

Os novos membros desta comisión, elixidos por voto secreto, son Héctor Gómez (PSOE), con 280 votos; Cuca Gamarra (PP), con 282; Iván Espinosa de los Monteros (Vox), 270 votos; Pablo Echenique (Unidas Podemos), 272; Edmundo Bal (Ciudadanos), 276 votos; Aitor Esteban (PNV), 275 votos, e os independentistas Gabriel Rufián (ERC), Miriam Nogueras ( JxCat), Mertxe Aizpurua (EH Bildu) e Albert Botran ( CUP), con 186 votos.

A Comisión Parlamentaria de Control de Créditos destinados a Gastos Reservados, máis coñecida como a de Segredos Oficiais, estará dirixida pola presidenta do Congreso Meritxell Batet e botará a andar previsiblemente a próxima semana, despois de que o ministro de Presidencia Félix Bolaños ofrecese á Generalitat de Cataluña esta vía como fórmula para ofrecer explicacións e acougar o enfado do independentismo ante a presunta espionaxe política.

Ao independentismo, que este mércores non participou no debate, non o convence esta saída ao entender que é insuficiente e segue esixindo unha comisión de investigación sobre a suposta ciberespionaxe a máis de 60 líderes independentistas mediante o programa Pegasus, con asunción de responsabilidades.

O proceso celebrouse con voto secreto en urna, con papeletas que podían incluír os dez nomes pero que nalgúns casos estaban incompletas, como nas dos deputados do PP, que non escribían nos seus votos os representantes de ERC, CUP, JxCat e EH Bildu.

Inés Arrimadas, líder dos laranxas, anunciou desde a tribuna que o seu grupo, Ciudadanos, non participaba na "infamia" porque "é demasiado humillante" e acusou ao Goberno de "entregar a seguridade nacional a cambio de catro votos a un decreto".

Ciudadanos si formará parte da comisión tras votar o resto de grupos a Edmundo Bal.

Por parte de Vox, Macarena Olona relatou en ton de burla denuncias ao seu xuízo "falsas" de tortura por parte de etarras para soster que se ouriñaban de medo "porque se sabían descubertos" e asimilalo ás denuncias da espionaxe, ao entender que aos independentistas lles preocupa que accedan aos seus móbiles "porque se saben culpables de atentar contra a integridade territorial de España".

Olona protagonizou ademais un choque coa presidenta do Congreso. Tras acusar a Batet de "prostituír" a Cámara, esta afeou a deputada de Vox que sen "un mínimo de elegancia" se dirixise á única persoa que non pode entrar a debate, ante o que recibiu berros pedindo a súa dimisión desde a bancada de Vox.

Tamén o deputado José Antonio Bermúdez de Castro, do PP, acusou o Goberno de ceder agora á "chantaxe dos seus socios parlamentarios" e sostivo que o problema é como van usar información "sensible e estratéxica para a seguridade do Estado" quen defenden "a ruptura do Estado", nun contexto de "posibles conexións", segundo el, con Putin.

En contra da postura expresada por estes grupos estivo Jaume Asens, de Unidas Podemos, que acusou a dereita de defender unha España pequena, sen pluralismo, con Vox como "director de orquestra", e argumentou que a espionaxe masiva non incumbe só ao independentismo senón que é "un atentado contra a democracia", pois consideran Pegasus un "método ilícito e mesmo delituoso".

O PSOE, en boca de Rafaela Crespín, defendeu que é o primeiro interesado en que "a verdade gañe a partida" e "a transparencia mostre as cousas como son" e argumentou que a súa ferramenta é o "diálogo, o respecto e o entendemento" e non abandonará ese camiño "respectando as leis das que nos dotamos", dixo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade