Publicador de contidos
Publicador de contidos

O informe da ONU ve indicios de que Israel está a cometer un xenocidio en Gaza

O informe da ONU ve indicios de que Israel está a cometer un xenocidio en Gaza

Israel comete de forma intencionada polo menos tres "actos xenocidas" definidos así pola Convención para a Prevención e a Sanción do Delito de Xenocidio de 1948 

O Consello de Seguridade da ONU aproba un chamamento ao cesamento do fogo en Gaza

G24.gal 25/03/2024 18:39 Última actualización 25/03/2024 19:08

Un informe da relatora da ONU para os Territorios Palestinos, Francesca Albanese, que o martes 26 presentarase ante o Consello dos Dereitos Humanos da ONU, conclúe que hai "motivos razoables" para concluír que Israel está a cometer un xenocidio deliberado na franxa palestina de Gaza.

O documento de 25 páxinas publicado este luns conclúe, tras analizar os patróns de violencia e as políticas de Israel no seu ataque a Gaza, que Israel comete de forma intencionada polo menos tres "actos xenocidas" definidos como tales pola Convención para a Prevención e a Sanción do Delito de Xenocidio de 1948.

Estes serían o "asasinato de membros dun grupo", con máis de 30.000 palestinos mortos en cinco meses de conflito, "danos graves físicos ou mentais a membros dun grupo", e "provocar nun grupo deliberadamente condicións calculadas para a súa destrución física parcial ou completa".

Os danos físicos e mentais graves estarían probados, entre outras evidencias, polos máis de 70.000 palestinos feridos no conflito, ou por provocar deliberadamente escaseza de subministracións médicas que nos casos máis dramáticos obrigaron a practicar amputacións sen anestesia.

A xeración de condicións de vida para a "destrución física" dos palestinos, estaría probada coa destrución do 77 % das instalacións sanitarias na Franxa, o 68 % da infraestrutura de telecomunicacións ou o 60 % dos fogares e institucións educativas.

Segundo o informe, o carácter deliberado das accións israelís que poderían constituír xenocidio nos cinco meses de conflito está probado por feitos como a retórica de altos cargos israelís, a miúdo con eco en líderes relixiosos, xornalistas, artistas, comentaristas políticos e outros actores

Cita neste sentido o informe declaracións como a do primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, referíndose aos palestinos como "monstros", do presidente Isaac Herzog culpando toda a nación palestina dos ataques terroristas do 7 de outubro, ou do ministro de Defensa, Yoav Gallant, cualificando o pobo de Palestina como "animais humanos".

"Chamadas a unha violencia aniquiladora son dirixidas a tropas en servizo, o que supón unha clara evidencia de incitación directa e pública para cometer xenocidio", subliña o informe.

O documento titulado Anatomía dun xenocidio tamén condena o uso de "camuflaxe humanitaria" por parte de Israel para cometer estes abusos con supostas xustificacións no dereito humanitario internacional para dar base á súa ofensiva en Gaza.

Albanese pon como exemplos o argumento israelí de que Hamas utiliza toda a poboación gazatí como escudo humano, a súa estratexia de vincular con ese grupo armado todo tipo de instalacións (incluídos hospitais, mesquitas, escolas e edificios da ONU) ou considerar toda a Franxa no seu conxunto un "obxectivo militar".

O informe inclúe datos como o de que en cinco meses de campaña militar Israel empregou 25.000 toneladas de explosivos contra Gaza, equivalentes a dúas bombas nucleares.

Petición dun embargo de armas a Israel

Á vista das súas conclusións, o informe da relatora de Nacións Unidas pedirá ao Consello de Dereitos Humanos un embargo inmediato de armas a Israel, e avanzar cara a unha investigación independente das violacións de dereitos humanos en Gaza.

Tamén urxirá a tomar medidas para garantir a reparación da franxa, incluíndo o pago total por parte de Israel e "estados cómplices" da reconstrución de Gaza, e o despregamento de "presenza protectora internacional" nese territorio palestino para evitar que prosiga a violencia contra a poboación.

O informe publicarase exactamente dous meses despois de que a Corte Internacional de Xustiza, o tribunal da ONU na Haia, pedise a Israel nun ditame preliminar que tomase todas as medidas necesarias para evitar un xenocidio en Gaza. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade